Convocada folga na lavandaría industrial ELIS que presta servizo aos hospitais
Este sábado, día 18 de xuño, dá comezo a primeira das xornadas de folga convocadas na lavandaría industrial ELIS, sita no polígono de Sergude, en Boqueixón. A decisión foi adoptada polas traballadoras e traballadores en asemblea, que rexeitaron a “escasa” oferta da dirección da empresa no proceso de negociación do convenio colectivo, que pretendía limitar o incremento salarial ao 3%. Nin sequera o IPC.
A primeira xornada de folga desenvolverase pois, este sábado entre as 10:00 e as 12:30 horas, en quenda de mañá e de 8:00 a 20:30 horas, en quenda de tarde. A seguinte xornada está prevista para o luns, día 20 de xuño e continuará todas as fins de semana dos meses de xuño e xullo.
Coincidindo cos paros o persoal concentrarase diante da empresa en demanda de mellores condicións no novo convenio.
En lavandaría ELIS traballan sobre 100 persoas, un sector maioritariamente feminizado, xa que o 80% son mulleres. Os hospitais son os clientes principais da empresa e, de feito, foi unha das poucas empresas que tiveron que traballar durante a pandemia. Un período no que, segundo denuncia Roberto Alonso, de CIG-Servizos, “tiveron que padecer riscos biolóxicos”.
Xunto a isto denuncia a gran penosidade na que desenvolven o seu traballo polas altas temperaturas que teñen que soportar, sobre todo na primavera e no verán. Un traballo que realizan ademais de pé, continuamente diante das máquinas, durante 8 ou 9 horas, por un salario mísero. Tal é así que o salario é de 889 € por 14,5 pagas e mesmo a antigüidade está sendo absorbida polo incremento do SMI.
As traballadoras e traballadores lamentan as molestias que puideran ocasionar xa que a empresa presta servizos, ademais dos hospitais á hostelaría e restauración.