Convocada folga indefinida polos despedimentos en Ambulancias do Atlántico a partir do 28 de marzo
A CIG de Compostela vén de convocar folga na UTE Casablanca y Otros, na que se integran Ambulancias do Atlántico, Ambulancias Casablanca, Ambulancias do Nordés, Ambulancias Ortigueira e Ambulancias Quiroga. Esta UTE é a concesionaria do servizo de transporte sanitario urxente na área sanitaria de Santiago e responsable última do despedimento dun traballador na base de Ambulancias do Atlántico de Santiago.
Tras 3 semanas de mobilizacións e reunións coas diferentes empresas e diante da falla de solucións a esta situación as asembleas de traballadoras e traballadores acordaron a convocatoria dunha folga indefinida en toda a UTE para conseguir a readmisión do compañeiro despedido e o cumprimento de todos os acordos que desde o inicio do concurso existen nesta área sanitaria.
O despedimento, que consideran totalmente inxustificado, foi comunicado o pasado 15 de febreiro ao traballador sumándose a outros catro que na semana anterior se produciran en Vigo.
Por iso xa se realizaron diversas accións de protesta, tanto en Mos como en Santiago, onde mesmo se desenvolveu unha manifestación que fixo un percorrido desde o SERGAS, pasando pola base de Ambulancias do Atlántico até a sede da UTE, responsabilizando a administración e as empresas dunha situación que desde a central sindical se considera inaceptable.
Concentración en Mos
Está convocada unha nova concentración na sede da empresa en Mos o venres día 11 de marzo, ás 12:00 horas e anunciarase nos próximos días outra mobilización en Santiago para a vindeira semana.
Desde a CIG anuncian un conflito longo e duro de non acadarse unha solución que unicamente pasa pola readmisión. En Vigo, o comité de empresa ten previsto celebrar unha asemblea o sábado para decidir se tamén se convoca folga, neste caso só en Ambulancias do Atlántico, porque alí ten a concesión en solitario, que podería confluír coa convocatoria de Santiago.