Convocada folga indefinida no transporte de residuos de SOGAMA
Nas condicións da contrata SOGAMA estableceu unha serie de criterios técnicos, medio ambientais e económicos e sen embargo non só non se lembraron dos traballadores e traballadoras senón que literalmente incluíron nas plicas que a nova empresa non tería ningunha responsabilidade co cadro de persoal actual. "Presumen dun grande aforro cando unha parte del vai ser a costa de deixar na rúa a 69 familias", denuncian.
Neste tempo só foron dilatando a situación con varias reunións co Presidente de SOGAMA e coas empresas afectadas ofrecendo amañalo para rematar sen ningunha solución e co único obxectivo de gañar tempo para que non se puidera facer nada. "A única proposta é que presenten currículo na empresa nova a ver se os collen. Tendo en conta ademais que as condicións salariais que oferta COPASA son case un 50% inferiores ao pretender aplicar un convenio propio moito mais baixo que o do sector. E SOGAMA avala semellante atropelo. Nen garantías de contratación e ademais con salarios e condicións de explotación", explican.
Ante a falta de alternativas reais a asemblea de traballadores/as, e as centrais sindicais CIG e CCOO, acordaron a convocatoria de folga indefinida a partir do día 15 de febreiro o que afectará á recollida e transporte dos residuos dos concellos á planta de SOGAMA en Cerceda. Igualmente solicitaráselle un pronunciamento público aos alcaldes dos concellos afectados e solicitouse tamén unha reunión cos grupos parlamentares para que se pronuncien igualmente e se debata no Parlamento Galego a actuación de SOGAMA, como empresa pública, neste caso solicitando unha mediación e a apertura dunha mesa de diálogo para unha solución a este despropósito.
Ademais, os traballadores e traballadoras realizarán unha campaña de sensibilización social sinalando a SOGAMA, á XUNTA e ao PP como responsábeis desta "desfeita" e convocarán unha manifestación cidadá en defensa dos postos de traballo que afecta especialmente aos concellos de Cerceda, Ordes, Oroso e Santiago.