Convocada folga indefinida nas auxiliares de Navantia para exixir o cumprimento do convenio do metal
A industria auxiliar de Navantia na ría de Ferrol está chamada á folga indefinida para reclamar que as empresas cumpran co convenio colectivo de siderometal. Así o anunciaron os representantes sindicais este martes ás portas da factoría de Fene onde se desenvolveu a terceira xornada de mobilizacións contra o incumprimento das condicións laborais e salariais por parte das contratas, neste caso Windar e Kaefer.
A decisión de convocar folga, explicou Vicente Vidal, secretario comarcal da CIG-Industria, foi adoptada por todos os sindicatos con representación nos estaleiros e afectará ao conxunto da industria auxiliar que presta servizos dentro das instalacións de Navantia na ría. Coa convocatoria, alén de reclamar o estrito cumprimento do convenio colectivo do metal, tanto a nivel de condicións salariais como laborais, búscase darlle cobertura legal aos traballadores e traballadoras que se están a mobilizar polos seus dereitos, ante as ameazas lanzadas por parte dalgunhas empresas.
Vidal insistiu na responsabilidade que ten Navantia -como empresa principal- no cumprimento dos dereitos do persoal das súas auxiliares. "É quen ten as ferramentas e a chave para pór orde dentro da industria auxiliar. Navantia sabe quen acode a unha licitación nas mellores condicións, sabe que empresa está encadrada en cada actividade e que convenio ten que aplicar".
Subliñou que nos vindeiros anos agárdase un importante volume de carga de traballo polo que cómpre garantir que as compañías pagan polo convenio do metal e respectan as condicións laborais, evitando así a competencia desleal á hora de presentar ofertas a conta de precarizar o persoal. "Xa lles comunicamos que imos ser inflexíbeis nesta cuestión. Así o acordamos as centrais sindicais, os comités de Navantia e o conxunto dos delegados e delegadas da industria auxiliar".
Aplicar o convenio do metal, tanto en obra nova como en reparacións, é unha vella reivindicación sindical, polo que dende hai anos vénselle reclamando a Navantia que inclúa cláusulas nos pregos de condicións que garantan a aplicación do convenio provincial do metal. Vidal referiuse á dura loita que tiveron que desenvolver os traballadores e as traballadoras para conseguir que os acordos pactados no seu día coa industria auxiliar se incorporaran ao convenio, polo que non se pode consentir que queden sen efecto a través de artimañas patronais.
A respecto das empresas sobre as que este martes se puxo o foco, indicou que Windar "non cumpre cos conceptos estabelecidos no convenio e ademais ten subcontratadas outras empresas que en moitos casos veñen a hora corrida. Aquí non se pode traballar dese xeito, hai que traballar por convenio e cos conceptos do convenio".
O secretario comarcal da CIG-Industria advertiu que, alén de como se efectivice a folga en cada momento, as accións de protesta "irán a máis" se as contratas teiman en non cumprir coas súas obrigas legais, chegando mesmo "a paralizar as factorías se non hai solución". Aclarou que a representación social continúa os contactos coas empresas e se estas cumpren cos súas obrigas non será necesario efectivizar a folga.
Sobre as outras empresas xa denunciadas, sinalouse que M Blanco se comprometeu á regularización dos salarios na próxima nómina e Kaefer convocou á representación sindical, pero Gabadi segue sen cumprir e incluso o pasado sábado pretendeu introducir no estaleiro de Ferrol un autobús con persoal para que fixera horas extraordinarias.