Convocada folga indefinida na limpeza do CHUO pola sobrecarga de traballo que pretende impor Ferrovial
O cadro de persoal da concesionaria do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) decidiu convocar folga indefinida a partir do luns 5 de febreiro ante as pretensións de Ferrovial de que cada traballador/a se faga cargo de 22 habitacións ademais das zonas comúns. Dende o comité de empresa, que xa iniciou mobilizacións para rexeitar a proposta, sosteñen que esta carga de traballo é inviábel nunha xornada laboral de sete horas.
Segundo na CIG de Ourense, o conflito iniciouse a raíz da apertura do novo edificio do hospital, xa que Ferrovial -concesionaria dos servizos de limpeza, mantemento, seguridade, cafetería e zonas verdes- pretende “facer máis traballo con menos persoal”.
Para isto elaborou un organigrama no que lle asigna a cada empregado/a a limpeza diaria de 22 habitacións, ademais das zonas comúns (recepción, salas de espera, cuartos de baño, corredores, etc.), “algo totalmente inviábel nunha xornada laboral de sete horas”. Esta situación empeora durante as fins de semana, xa que cada operario/a se ten que encargar do dobre de habitacións xa que o cadro de persoal se reduce á metade.
O comité de empresa do hospital (4 delegados/as da CIG, 3 de CCOO e 2 da UGT) e as tres delegadas de persoal (CIG) doutro centro no que Ferrovial tamén se encarga da limpeza abriu un proceso de negociación coa dirección para intentar buscar unha solución a esta sobrecarga de traballo, “pero a compañía non cede nas súas pretensións”.
En resposta, o cadro de persoal iniciou mobilizacións o martes e o mércores na hora do bocadillo -nas que tamén participaron os traballadores do servizo de mantemento, que teñen convocadas cinco xorndas de folga para reclamar o cumprimento do convenio- que se manterán de xeito indefinido até que se chegue a un acordo.
Política de privatizacións
Dende a representación dos traballadores/as lembran que levan tempo denunciando os problemas existentes no servizo, xa que Ferrovial incumpre a cobertura de baixas vacacións e xubilacións. “Ademais, a isto hai que sumar que nos últimos catro anos o número de limpadores/as reduciuse en 40 persoas a pesar de que a superficie do centro sanitario, e por tanto a carga de traballo, se incrementou”.
Para a CIG-Ourense esta situación é consecuencia da política de privatizacións que o PP está a aplicar na sanidade pública galega, “onde impera a máxima de que todo é privatizábel agás as batas brancas, ou polos menos era así até o de agora, porque xa nos conta que están a intentar contratar traumatólogos/as a través dunha empresa externa”.