Convocada folga indefinida en Alonarti Envases polo despido dun afiliado da CIG
O cadro de persoal de Alonarti Envases, empresa dedicada á fabricación de envases para a industria farmacéutica e cosmética con sede no Porriño, vén de convocar folga indefinida polo despido disciplinario dun afiliado da CIG. Dende a central denuncian que se trata dun intento da dirección de amedrentar os empregados/as de cara á inminente negociación dun novo convenio colectivo.
A maioría dos traballadores/as de Alonarti decidiron este martes en asemblea apoiar o paro indefinido que dará comezo o vindeiro martes 17 de xaneiro ás 6.30 horas para rexeitar o despedimento disciplinario dun afiliado da CIG. Dende a central denuncian que con esta decisión a empresa pretende darlle un “toque de atención” ao cadro de persoal -integrado por un cento de persoas- ante a inminente negociación dun novo convenio colectivo.
Ao mesmo tempo, anunciaron que coincidindo coa folga desenvolverán concentracións ás portas da compañía no polígono porriñés das Gándaras durante os cambios de cada unha das tres quendas de traballo (6.30, 14.30 e 22.30 horas). “Non podemos permitir que a empresa amedrente deste xeito os traballadores/as co obxectivo de lograr un convenio máis vantaxoso para os seus intereses”, sosteñen.
A convocatoria do paro indefinido foi promovida polos representantes da CIG no comité de empresa de Alonarti Envases, integrado por sete delegados/as da central nacionalista e dous da UGT, sindicato que decidiu non sumarse á folga.