Convocada folga indefinida contra o peche das tendas de Bershka en Pontevedra e Vilagarcía
Tras a convocatoria de folga feita pública a semana pasada para rexeitar o peche da tenda de Massimo Dutti no centro comercial As Cancelas de Santiago, representantes da CIG-Servizos compareceron hoxe en Pontevedra para anunciar tamén un paro indefinido contra a decisión de Inditex de pechar os establecementos de Bershka en Pontevedra (1) e Vilagarcía (1) o vindeiro luns 30.
A medida de presión, que dará comezo este mesmo xoves 26 e que afectará tamén ás dúas tendas de Vigo, virá acompañada tamén de mobilizacións, comezando cunha manifestación en Pontevedra este venres 27 dende o hospital Provincial ás 20:30 horas e con remate diante da tenda de Bershka, na rúa Benito Corbal; e dunha concentración na Praza de Galicia de Vilagarcía o mesmo día no mesmo horario.
O obxectivo da folga e das protestas non é outro que rexeitar o que a CIG considera un ERE encuberto por parte da empresa téxtil, tendo en conta que das 21 traballadoras/es afectadas/es unicamente oferta tres vacantes de recolocación nas dúas tendas de Vigo para o persoal pontevedrés e outras tres para o de Vilagarcía, tal e como denunciaron Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, e Diana Rodríguez, responsábel comarcal da federación en Pontevedra, durante a comparecencia diante dos medios de comunicación.
As responsábeis sindicais criticaron ademais que estas vacantes, que se cubrirían atendendo á antigüidade, contemplan xornadas de menos horas das que as traballadoras/es teñen por contrato na actualidade e non respectan as condicións laborais que o persoal pontevedrés lograra coa convocatoria de folga de 2017.
Ao que hai que sumar que sería para traballar de luns a sábado en horario de tarde, polo que non permitiría a conciliación familiar e laboral das empregadas/os. “Traballarían menos horas, polo que perderían salario, e ademais non poderían conciliar; o que está claro é que Inditex pretende que as afectadas/os non acepten a recolocación e opten por abandonar a empresa”.
De feito, a compañía ofrece unha axuda mensual para as traballadoras/es que acepten o traslado de 0,19 euros por quilómetro, pero a partir do quilómetro 25, polo que o persoal pontevedrés que opte pola recolocación nas tendas viguesas unicamente cobraría seis quilómetros; no caso do de Vilagarcía só ingresaría como máximo 90 euros ao mes, que é o tope fixado no acordo asinado por CCOO e UGT con Inditex a nivel estatal sobre o proceso de dixitalización das vendas.
Recolocación ou compensación
Este acordo permítelle pechar tendas, “non porque dean perdas senón para obter máis beneficios a costa das traballadoras/es”, e recolocar o persoal en empresas do grupo dentro da mesma localidade ou trasladalo a establecementos da mesma cadea noutras localidades. Por iso a CIG vai esixir ben a recolocación de todo o persoal ou que o seu traslado se faga cunha compensación económica que non implique perda de salario.
Finalmente, dende a central sindical critican que Inditex estea a destruír emprego nas tendas e precarizando as condicións do persoal escudándose no cambio de modelo de negocio pactado con CCOO e UGT, cando “o pasado ano foi no que máis millóns de beneficios obtivo”, o que demostra que podería recolocar a todo o persoal afectado “garantindo as súas condicións tanto laborais como salariais”.
Mais a transnacional opta por desfacerse destas/es traballadoras/es con indemnizacións “ridículas” de 33 días por ano traballado grazas a este acordo con UGT e CCOO, “cando noutros traslados conseguíronse até 60 días”. De todas formas, na CIG queren deixar moi claro que as afectadas/es non queren ningún tipo de indemnización, por moi elevada que esta fora, senón que reclaman a súa recolocación.