Convocada folga en Navec o 18 de outubro para exixir garantías no pago dos salarios
A asemblea de traballadores e traballadoras de Navec (empresa que realiza servizos de mantemento na refinería da Coruña e noutras industrias da comarca) acordou convocar folga a partir do 18 de outubro para exixir garantías no cobro das súas nóminas.
A empresa, que xa viña arrastrando atrasos no ingreso dos soldos atópase en concurso de acredores dende o 27 de setembro, polo que, ante a falta de información concreta sobre o abono das nóminas e a continuidade dos empregos, opersoal acordou iniciar mobilizacións para reclamar un plan de viabilidade.
Os traballadores de Navec atópanse a día de hoxe nun contexto de total incerteza, xa que a administración concursal,comunicoulle aos Comités de Empresa de todo o grupo Navec, que non sabe o día no que se poderán pagar as nóminas así como a súa intención de iniciar os trámites dun ERE concursal.
A CIG, que ostenta a maioría do comité, está en comunicación coa administración concursal e personada no xulgado do mercantil de Tarragona para seguir o desenvolvemento do proceso e velar para que se respecten os dereitos do persoal.
No caso de que Navec deixe de prestar os servizos actuais, a CIG estará vixilante para que se dea cumprimento do dereito á subrogación recollido no convenio colectivo de siderometal da Coruña. A este respecto, a central nacionalista tamén apela á responsabilidade das empresas contratistas, nomeadamenteRepsol -por ser a que maior volume de persoal ten-, para que garantan que as súas contratas cumpren coas obrigas laborais e, no caso contrario, actúen coa dilixencia debida.