Convocada folga en Leche Celta de Pontedeume contra a intención da empresa de cambiar o calendario laboral
O comité de empresa de Leche Celta SLU decidiu onte convocar folga no centro de traballo de Pontedeume ante a pretensión da empresa de impor de xeito unilateral os calendarios laborais do ano 2021. Os paros desenvolveranse entre o día 4 e o 17 de xaneiro de 12:00 a 16:00 horas.
A representación sindical e a dirección pactaran en 2019 un sistema de traballo que incluía os calendarios dos distintos departamentos, fixándose unha duración de cinco anos, de xeito que todo o persoal cumprise totalmente a rotación proposta. Pero este ano a empresa tentou que o comité admitise un cambio nas quendas “baixo o pretexto da prevención de riscos laborais e unha maior eficiencia no traballo”.
Se a empresa non cumpre o pactado a folga estenderase en horario e xornadas
Dende a representación do cadro de persoal entenden que os calendarios pactados no seu día cumpren todas as medidas preventivas esixíbeis e que o acordado debe ser cumprido polas partes asinantes. Finalmente, o pasado 26 de decembro a empresa comunicou a imposición unilateral duns calendarios que modifican os acordados entre as partes e que entrarán en vigor a partir do 1 de xaneiro de 2021.
Diante deste grave incumprimento do pactado por parte da empresa, o comité, con maioría absoluta da CIG, decidiu convocar folga no centro de traballo de Pontedeume. Os paros desenvolveranse en principio dende o día 4 ao 17 de xaneiro de 12:00 a 16:00 horas, “mais no caso de que a empresa non recúe no sentido de cumprir o pactado a folga estenderase en horario e xornadas”.