Convocada folga de 24 horas en Atento por unhas condicións laborais dignas
As traballadoras e os traballadores de Atento na Coruña están chamados a secundar unha xornada de folga de 24 horas o vindeiro luns, 22 de abril, para esixir a empresa de servizos de atención telefónica que cumpra cos acordos alcanzados no AGA e en rexeitamento á política laboral de despedimentos, acosos e presión exercida pola dirección.
Con esta folga dáse continuidade ás mobilizacións que o persoal vén realizando dende inicios de anos, logo de que Atento incumprira todos e cada un dos puntos do acordo alcanzado no AGA e que supuxeran a desconvocatoria en outubro pasado dos paros semanais que se estaban facendo dende maio. Mais para esta xornada, a folga será de 24 horas en lugar dos paros laborais por quenda de traballo.
Dende a sección sindical da CIG critican que a empresa teime en afondar na precariedade laboral, atacando dereitos "que moito nos custou ter recoñecidos". Refírense así a permitir un mínimo de flexibilidade nas fichaxes, a unha organización xusta e racional das vacacións, libranzas e descansos ou poder contar cunha metodoloxía adecuada a un traballo "que implica botar moitas horas atendendo chamadas".
Porén, Atento impón novas funcións ao seu persoal sen recoñecemento salarial e sen ofrecer a formación axeitada nin poñer os recursos para mellorala; vulnera o dereito á conciliación familiar; non dá tempo administrativo e entre chamadas suficiente; e mesmo as aplicacións e os ordenadores están obsoletos. Xunto a isto, a representación social denuncia que o cativo sistema de incentivos (que nunca foi negociado) se transforma unilateralmente en obxectivos de obrigado cumprimento, "mais que son inalcanzábeis, modifícanse de maneira arbitraria e ademais a empresa utilízaos para destruír emprego".
Neste senso, subliñan que en 2013 a empresa pretendeu aplicar 142 despedimentos e en 2015 outros 17 "que conseguimos anular en ambos conflitos grazas a loita". Por iso, animan a todas as traballadoras e a todos os traballadores a secundar masivamente a xornada de folga do vindeiro luns "para lembrarlle a Atento que os acordos están para cumprilos e que a prepotencia e o látego non son as ferramentas que precisamos para desenvolver noso traballo con dignidade e eficacia".