Convocada concentración para exixir a Marrocos a liberación dos activistas saharauís encarcerados

A CIG reclama avances para o recoñecemento efectivo do dereito de autodeterminación do Sahara
Internacional - 05 Mai 2017

Solidariedade Galega co Pobo Saharauí convoca para o vindeiro luns, día 8 de maio, ás 11:00 horas, unha concentración na Praza do Toural, en Compostela, para denunciar o xuízo contra os activistas saharauís “Grupo Gdeim izik”, que se vai celebrar ese mesmo día, demandando, máis unha vez, a súa liberdade.

Estes activistas saharauís foron acusados e xulgados inxustamente por un tribunal militar. A súa condena foi anulada polo tribunal de casación e será agora repetida nun tribunal de apelación en Rabat.

Este proceso dáse malia o pasado venres día 28 de abril o Consello de Seguridade da ONU sobre o Sahara Occidental adoptar unha resolución na que se reafirma o dereito do pobo saharauí á autodeterminación. Cuestión que debe guiar as negociacións directas que o Secretario Xeral da ONU debe relanzar entre as dúas partes.

Solicitude expresa da CIG

Precisamente con ese obxectivo se dirixía o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, ao secretario xeral da ONU , Antonio Guterres, días antes da xuntanza do Consello de Seguridade, demandando a súa intervención para atopar unha solución xusta, pacífica e duradeira a este prolongado conflito.

Na misiva Seixo lembráballe que desde que se recoñeceu ao Sahara Occidental como un territorio non autónomo, xa hai máis de 50 anos, a Asemblea Xeral da ONU vén reafirmando o dereito inalienable do pobo saharauí á autodeterminación, que debería exercerse conforme á resolución 1514 (XV) da Asemblea Xeral, e outras resolucións pertinentes.

Sinalaba ademais que, porén, o proceso de descolonización do Sahara Occidental foi dramaticamente  interrompido pola invasión militar e ocupación do territorio por parte de Marrocos en 1975. “A ocupación produciuse violando as resolucións da propia ONU e do Ditame da Corte Internacional de Xustiza do 16 de outubro de 1975, que confirmou claramente a inexistencia de calquera ligazón de soberanía territorial entre o Sahara Occidental e O Reino de Marrocos”.

Guerra prolongada

Xunto a isto subliñaba que, logo de 16 anos dunha guerra prolongada, as dúas partes en conflito, Marrocos e a Fronte Polisaria, aceptaron o Plano de Amaño da ONU-OUA, que contemplaba un referendo de autodeterminación libre e xusto, no que o pobo saharauí escollería entre a independencia ou a integración en Marrocos.

“Mais o referendo aínda non se ten celebrado, debido á actitude obstrucionista de Marrocos e o seu expreso rexeitamento á unha solución democrática, baseada no exercicio libre, transparente e xusto do dereito á autodeterminación que reclama a ONU”, lamentaba o secretario xeral da CIG.

Xunto a isto salientaba que as negociacións directas entre as dúas partes, que comezaron en 2007 baixo os auspicios da ONU, “non teñen dado ningún resultado real ata o momento, debido á teima de Marrocos por unha solución que só pretende revogar o dereito do pobo saharauí á libre determinación e independencia, e lexitimar a ocupación e anexión dun territorio non autónomo sobre o que Marrocos non exerce ningunha soberanía”.

Violación de dereitos humanos

Do mesmo xeito denunciaba, en representación da CIG, as graves violacións dos dereitos humanos que Marrocos está a cometer nos territorios ocupados do Sahara Occidental, que veñen sendo documentadas por diferentes organizacións internacionais como Amnistía Internacional, Human Rights Watch e o propio Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos, entre outras.

Referendo

Así mesmo apuntaba que, diante da gravidade desta situación sobre o terreo, o Consello de Seguridade foi exhortado reiteradamente para estender o mandato da misión da ONU no Sahara Occidental, a MINURSO (Misión das Nacións Unidas para o referendo do Sáhara Occidental), coa fin de incluír a protección, a supervisión e a información sobre os dereitos humanos no territorio. “Porén, a negativa de Marrocos, apoiada por certos sectores influíntes, vén impedindo ata este intre que o Consello de Seguridade tome calquera decisión sobre o asunto”, especificaba.

Para Seixo a situación dos dereitos humanos nos territorios saharauís ocupados por Marrocos “é cada vez máis alarmante” e, por iso, apelaba ao propio secretario xeral da ONU para que “teña a ben facer todo o que estea nas súas mans para garantir o pleno respecto dos dereitos da poboación saharauí nestas zonas e para que o mando da MINURSO se amplíe e inclúa a protección, supervisión e a información sobre os dereitos humanos no territorio”.

O secretario xeral da CIG manifestaba ademais a súa confianza en que, ao igual que enTimor Leste, onde Guterres interveu directamente, e sendo tamén o pobo saharauí, vítima dunha ocupación ilegal, o secretario xeral da ONU exercera o seu papel como garante do respecto dos principios e obxectivos da Carta da ONU, para contribuír de xeito activo na celebración deste referendo sen máis retraso. “A descolonización dunha das últimas colonias en África contribuirá considerablemente á restauración da paz e á estabilidade en toda a rexión , e dará in impulso á tan desexada integración rexional e continental, e á diminución das diferenzas entre o norte e o sur do planeta”.