Convocada asamblea aberta do sector do Metal de Ourense tras rachar as negocacións do convenio
CIG, CCOO e UXT veñen de anunciar a convocatoria dunha asemblea aberta conxunta do sector do Metal da provincia de Ourense para o vindeiro martes día 20 de setembro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa Sindical.
“A negociación está rota”. Así resumen as organizacións sindicais os resultados da última xuntanza celebrada coa patronal do sector do Siderometal da provincia de Ourense o pasado día 14 de setembro. Unha xuntanza na que “fixemos un último esforzo para chegar a un acordo, pero a patronal non se moveu e non fixo proposta nin contraproposta”.
Deste xeito, e coa negociación bloqueada, “estamos nun escenario de perda de poder adquisitivo e dunha patronal que quere aproveitar a suba de prezos para incrementar os seus beneficios”, explican.
Até o de agora CIG e CCOO tiñan un acordo de unidade de acción para procurar un acordo e evitar o conflito. Sobre a mesa puxeron unha proposta que finalmente foi apoiada pola UGT e que se resume en:
ANO |
SUBA |
DÍA LIBRANZA |
2022 |
6,5% |
1 día sen consolidar |
2023 |
6,5% |
1 condolidado |
2024 |
5% |
1 consolidado |
Fronte a isto, o secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez, explica que a patronal “non fixo ningunha proposta, nin valoración da proposta sindical, polo que a negociación semella rota”. Con todo, e como xesto de boa vontade, solicitaron que o luns 19 lles dean unha resposta porque do contrario, tal e como advertiron, “o sector irá a conflito”.
Gómez advirte ás empresas do erro que están cometendo, “tropezando na mesma pedra na que tropezaron na Coruña, onde levaron ao sector a conflito e remataron asinando un convenio que recolle as xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores”.
Por iso chama a participar na asemblea prevista para o vindeiro martes día 20. “É fundamental que amosemos ás empresas a nosa determinación de loitar até conseguir algo tan básico como manter o poder adquisitivo nun momento de suba disparada dos prezos”, porque “empobrecernos para enriquecerse máis eles, non é unha alternativa”, conclúe.