Convocada a segunda xornada de folga no ensino público co profesorado galego situado á cola
CIG-Ensino, STEG e CSIF –que representan o 60% do profesorado galego- convocan a segunda xornada de folga no que vai de curso para este martes, día 28 de novembro. Exixen melloras reais das condicións docentes e do ensino público após o acordo asinado pola Xunta cunha minoría sindical. A súa sinatura implica renunciar de facto á recuperación das 21 horas lectivas que tiña o profesorado de infantil e primaria até a chegada de Feijóo ao poder e as 18 horas lectivas en secundaria e outras ensinanzas que incrementou Rajoy no 2012 até as 20 actuais.
Tras coñecerse a semana pasada un preacordo entre a Comunidade de Madrid e os sindicatos para recuperar o horario das 18 horas, Galiza será a única comunidade o vindeiro curso que manterá estes recortes en secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial. Alén disto, a baixada a 23 horas no corpo de mestras, incluída no acordo galego, non terá incidencia nun incremento nos cadros de persoal dos colexios, dado que estes teñen un catálogo de postos de traballo que permanece inalterábel desde o ano 2007, no que se deseñaron para 21 horas lectivas.
O profesorado galego á cola do Estado
Así pois, e dado que se confirma que o profesorado galego estará á cola do Estado na recuperación dos seus dereitos e que a baixada de ratios que se prevé para o vindeiro curso só en 4º de infantil apenas terá incidencia pola baixada drástica da natalidade, os tres sindicatos, que representan o 60% do profesorado galego, culminan este novembro de loita no que máis de 350 centros protagonizaron accións de protesta, como se pode ver nesta galería de imaxes, ou máis de 4.000 docentes acudiron o pasado domingo 19 a unha manifestación en Compostela reclamando melloras reais e que a Consellaría de Educación rectifique e atenda as demandas do seu persoal.
A xornada de folga incluirá de novo unha manifestación nacional en Compostela á que está chamada a participar todo o profesorado e que partirá ás 12:00 horas da Praza de Cervantes, para rematar diante da consellaría de Educación.