Contundente demostración de forza do metal pontevedrés en folga bloquea os accesos ao IFEVI e ao aeroporto de Vigo
O sector do metal da provincia de Pontevedra en folga por un convenio colectivo digno levou a cabo hoxe unha contundente demostración de forza e logrou bloquear durante horas os accesos ao IFEVI e ao aeroporto de Vigo coincidindo coa inauguración do Mindtech, a feira internacional da industria e das tecnoloxías metalúrxicas que organiza a patronal Asime.
A segunda xornada de paros de 24 horas foi un “éxito total” segundo as organizacións sindicais convocantes e rexistrou un seguimento aínda maior que a celebrada o pasado xoves día 15, cando milleiros de traballadores/as paralizaron o sector e tomaron as rúas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía. A folga continuará este xoves 22 e o mércores 28 se o empresariado teima na súa “irresponsabilidade” á hora de ofrecer unhas propostas que son un “menosprezo” ao persoal do sector, en palabras do secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas.
Ao igual que no primeiro día de folga, a xornada comezou a primeira hora coa concentración dos traballadores/as ás portas das principais empresas no caso de Vigo e co percorrido dos piquetes informativos polos polígonos industriais en Pontevedra, Vilagarcía, Silleda e A Estrada. Na cidade olívica celebráronse a continuación dúas marchas simultáneas dende as inmediacións do IFEVI que confluíron no recinto feiral, onde tiña lugar a inauguración do Mindtech, a feira internacional da industria e das tecnoloxías metalúrxicas que organiza a patronal Asime.
Unha forte presenza policial impediu o achegamento da masiva manifestación ao recinto, polo que milleiros/as de traballadores/as permaneceron durante horas bloqueando a entrada principal e a rotonda de acceso ao aeroporto. Ao mesmo tempo, un nutrido número de manifestantes ocupou a rotonda de saída da autoestrada AP9 para impedir tamén a entrada ao IFEVI por esa vía, o que provocou intensas retencións.
A protesta disolveuse preto das dúas da tarde tras celebrarse unha breve asemblea na que o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, celebrou que o metal “soubo estar unha vez máis á altura das circunstancias” e levou a cabo “unha demostración de forza” que evidencia “o músculo que ten este sector”. Neste senso, quixo deixar moi claro que as mobilizacións van continuar até que a patronal poña enriba da mesa unhas propostas que supoñan unha mellora clara das condicións de traballo. “Imos conseguir si ou si o que estamos a reclamar, porque son reivindicacións totalmente xustas”, asegurou.
No caso e Pontevedra, os traballadores/as interromperon tráfico na Avenida de Vigo, á altura da rotonda do Pino e a continuación concentráronse ás portas das instalacións de ENCE para evitar a entrada das empresas do metal galegas e estranxeiras contratadas pola pasteira para realizar os traballos de mantemento que teñen lugar durante a parada técnica anual. E en Vilagarcía celebrouse unha concorrida manifestación dende a rotonda das Carolinas até o Concello.
Sen avances nas negociacións
A folga de hoxe tivo lugar unha vez rematou sen acordo a xuntanza celebrada onte por iniciativa das patronais tras o éxito da primeira xornada de paro celebrada o pasado xoves día 15 e que supuxo a paralización do sector, con especial incidencia no naval. O encontro pechouse sen acordo pola negativa do empresariado a manter a cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real, reducir a xornada anual en máis de oito horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas.
Ademais, as patronais ofrecen unha suba de soldos do 2% para 2013, do 3% para 2024 e do 3% para 2025, pero coa cláusula de revisión salarial topada ao 1%, sen carácter retroactivo e sen atrasos, proposta máis regresiva que o que figura no actual convenio. Pola súa banda, a parte social demanda un incremento do 4% para cada un dos anos con cláusula de revisión ao IPC real.
En canto á subrogación entre empresas privadas que reclaman as centrais sindicais e que figura nos convenios do metal da Coruña, Lugo e Ourense, as patronais de Pontevedra insisten na “sinrazón” de manter a súa negativa, “xa que moitos/as traballadores/as de certa idade perderían os seus empregos no caso de que se produza un cambio de subcontrata”.