A contratación no mes de abril foi claramente estacional, temporal e no sector Servizos
O mes de abril rematou con 166.226 persoas anotadas nas oficinas do SEPE en Galiza, o que supón un 2,70% menos que no mes anterior (4.615 parados e paradas menos). Un descenso de carácter estacional, como constatan os datos de paro rexistrado que veñen de publicarse, xa que a maioría dos contratos foron temporais e asinados no sector Servizos.
Dos 83.967 contratos asinados en Galiza no mes de abril, o 72% (65.738) correspondéronse con algunha actividade do sector Servizos. Ademais, só o 8,7% do total, foi rexistrado baixo algunha modalidade de carácter indefinido. Uns datos que para o secretario confederal de Emprego, Fran Cartelle, retratan a precariedade campante no mercado laboral en Galiza e a temporalidade do pouco emprego que se crea no noso país.
“Estamos novamente ante o efectos da estacionalidade na evolución do desemprego que, desta volta descendeu ao coincidir Semana Santa no mes de abril”, explica Cartelle, para quen esa caída “vai ligada ás contratacións no sector servizos” que é, de feito, o sector onde se rexistra o maior decrecemento, cun 3,41 persoas paradas menos (3,56% na media do Estado).
O desemprego descendeu tamén nun 2,01% na Construción, pero tan só o 1,27% no sector Industrial.
A cada vez peor calidade do emprego, a dependencia do sector Servizos e da estacionalidade para que haxa unha tímida redución do desemprego e a elevadísima temporalidade da contratación levan ao secretario confederal de Emprego a alertar da crise estrutural que se asenta no mercado laboral.
Cartelle afirma que esta é a consecuencia das reformas laborais impostas polo PSOE e o PP e demanda do novo goberno que se conforme “a súa inmediata derrogación”. Advirte de que “parece que o PSOE ten esquecido que o empobrecemento cada vez maior da clase traballadora galega é consecuencia desas políticas económicas e laborais pensadas para garantir beneficios á patronal mentres as traballadoras e traballadores vén como se deterioran cada vez máis as súas condicións de vida en empregos de días ou semanas, con baixos salarios e con apenas dereitos”.
O secretario confederal de Emprego demanda ademais, tanto dese novo goberno do Estado como da Xunta de Galiza políticas industriais que xeren emprego de calidade e que permitan á mocidade non ter que coller a maleta á busca dun emprego e unha vida digna fóra de Galiza.
Exixe ademais que se articulen medidas para frear o risco de exclusión social que persiste no noso país á vista de que no que atinxe á protección das persoas desempregadas, tan só o 52% percibiron algunha prestación por desemprego.