Contra o peche do paritorio do Hospital de Verín as mulleres berran: “O meu meniño non nace no camiño”
Centos de persoas, na súa maioría mulleres, chegadas en autobuses da comarca de Verín e Monterrei, concentráronse esta mañá ás portas do Parlamento de Galiza, coincidindo co debate dos orzamentos da Xunta para 2020, para manifestar o seu total rexeitamento á pretensión de pechar o paritorio do Hospital de Verín.
“O paritorio non se pecha”, “Feijóo, ruín, non veñas a Verín” ou “O meu meniño non nace no camiño” foron, xunto a “Feijóo dimisión”, as consignas máis coreadas polas persoas que permaneceron durante varias horas concentradas diante do Pazo do Hórreo.
Iolanda Domínguez, delegada da CIG no hospital de Verín, explica que o anuncio do peche do paritorio foi o que provocou a indignación e a mobilización non só do pobo de Verín, senón de toda a súa contorna. Mais lembra que xa antes de que se fixera pública esta medida tiñan convocada unha manifestación porque “non só faltan pediatras, faltan tamén anestesistas e até estamos quedando sen cirurxiáns”.
“Se isto non o paramos, logo irán o Barco, Monforte e todos os hospitais comarcais”
Por iso a representante da CIG concluía, ás portas mesmo do Parlamento, que todas estas deficiencias responden ao progresivo “desmantelamento do hospital” por parte da consellaría de Sanidade. Un chanzo máis nos recortes de servizos públicos do que a sanidade é piar fundamental. “Tocounos a Verín os primeiros, pero se isto non o paramos logo irá o Barco, Monforte, van ir todos os hospitais comarcais porque esta é a política do PP”.
Domíguez lembrou que esta é unha comarca bastante grande, con puntos de poboación moi retirados e con malos accesos. Advertiu de que, de se pechar definitivamente o paritorio, as mulleres terán que desprazarse, de parto, “cento e pico quilómetros, a metade por estradas secundarias, agora en inverno, con brétema, con neve, con xeo. Unha viaxe que se se fai demasiado longa”.
Sinalou ademais que se trata, en xeral, de xente “cunha media adquisitiva moi baixa”, á que lle supón un gasto importante. Por iso agora, “cando xa temos un servizo que custou moito conseguir, que pretendan pechalo, evidentemente indigna, e moito, á poboación”.
Para a representante de CIG-Saúde tampouco vale a xustificación de Feijóo de que non hai pediatras. “Son palabras baleiras porque primeiro dixeron que era por cuestión de seguridade, despois que se era para garantir máis calidade para as mulleres, despois xa foi que non eran motivos políticos e o último é o tema dos pediatras, pero tampouco hai a vontade e o empeño suficiente para conseguir eses pediatras. Alí somos parte dunha área sanitaria e igual que teñen que rotar especialistas doutras especialidades poden rotar pediatras, se tiveran vontade, pero a xerencia non quere. O que queren é pechar e punto, e non buscan solución”.
Iolanda Domínguez adiantou tamén que as mobilizacións van continuar porque nin a poboación, nin o persoal do hospital queren promesas, “queremos feitos”.