29 de novembro: mobilízate coa CIG contra a crise e a pobreza
» Consulta aquí as 10 medidas urxentes propostas pola CIG
Vivimos unha crítica situación ante a brutal ofensiva do capital e do belicismo, da OTAN e da guerra como sistema de explotación e dominación aos pobos e ás clases populares.
A grave carestía da vida, xa presente desde antes da guerra mais agravada desde o seu inicio, está acelerando o aumento das desigualdades e da pobreza.
A inflacción está descontrolada, os prezos da electricidade e dos combustíbeis non baixan e os produtos de primeira necesidade soben a prezos desorbitados.
Estamos nunha situación económica e social extrema que está a ter un impacto brutal, nunha Galiza con importantes sectores produtivos e comarcas enteiras agonizando, con cada vez menos emprego e industria, con máis emigración e con máis poboación avellentada.
Confírmanse a insuficiencia das medidas do chamado Plan de Resposta Económica á Guerra e as nefastas actuacións do Goberno galego. A isto hai que engadir a aprobación dun duro paquete de reformas para satisfacer as inxustas exixencias da UE e acceder a uns envelenados fondos europeos que están a hipotecar o noso futuro.
Os orzamentos do Goberno galego e os do Goberno español son unha suma de medidas inxustas, tanto pola discriminación do destinado a Galiza, como porque non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais.
Avanza a precariedade laboral
Veñen acompañados, ademais, de lesivas reformas na Seguridade Social, que se suman á última reforma laboral, na que nin recuperamos nin gañamos dereitos, mentres avanza, baixo novas formas, a precariedade laboral.
Pola contra, máis cartos públicos para armamento, máis medidas para impoñer o Pacto de Rendas e o nefasto diálogo social, con subas salariais que non garanten poder adquisitivo dos salarios, mentres o SMI e as pensións seguen por baixo do que recomenda a Carta Social Europea.
Estamos chamados e chamadas ao conflito ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e central, para que se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos (financeiro, enerxético etc.). Un verdadeiro Plan de Choque urxente para frear os efectos devastadores dos altos prezos e para afrontar unha saída galega xusta da crise.
Témonos que mobilizar para facer fronte a esta situación, porque está en risco que a clase traballadora galega sexamos quen paguemos, máis unha vez, esta nova crise, como pasou coas crises anteriores.