Continúan os peches en centros de ensino co foco posto na atención á diversidade

As ANPA dos centros escollidos protagonizaron amplas protestas este curso, sen que polo de agora viran respostadas as súas demandas
Nacional - 30 Xan 2026

A CIG-Ensino e STEG continúan co calendario de peches rotatorios para reclamarlle á Consellaría de Educación que atenda as demandas do profesorado pola recuperación dos dereitos e na defensa dun ensino público de calidade. Logo dos peches do martes na Coruña, Monforte, Vigo e Pontevedra, e en Ourense o mércores, na tarde do xoves, a medida de presión trasladouse a colexios de infantil e primaria de Compostela, Ferrol e Viveiro moi castigados pola falta de especialistas para atender a alumnado con necesidades e a un instituto de Vilagarcía que só ten unha orientadora para máis de 1000 alumnos e alumnas.

A CIG-Ensino critica que a Consellaría de Educación segue sen realizar ningún movemento, ademais dos habituais actos propagandísticos, malia as cinco exitosas xornadas de folga, manifestacións multitudinarias e agora, neste trimestre, unha estratexia de peches rotatorios en centros de ensino, que non se levaba a cabo desde as protestas contra a LOMCE no ano 2013.

En concreto, este xoves, os peches tiveron en catro localidades galegas en centros escollidos precisamente pola falta de persoal para atender á diversidade, unha das demandas unánimes de toda a comunidade educativa, de aí que a presenza das ANPA está sendo moi importante nesta acción reivindicativa, como o foron as súas protestas ao longo do curso.

No caso do CEIP Monte dos Postes, da capital galega, pasou de contar con 4 especialistas en Pedagoxía Terapéutica o curso pasado a só un e medio este curso cando o alumnado con diagnósticos e necesidades detectadas polos equipos de Orientación é considerablemente superior. O CEIP San Xoán de Filgueira de Ferrol, pola súa banda, está situado nun contexto socioeconómico desfavorecido e conta con porcentaxes moi elevadas de alumnado NEAE ou de procedencia estranxeira.

A administración non cobre unha praza de Pedagoxía Terapéutica, cuxo titular está en comisión de servizos, malia corresponderlle por catálogo, perdendo así un mestre desta especialidade con respecto ao curso 23/24.  Dáse o paradoxo de que unha PT que está nunha praza de atención preferente, isto é porque hai un ou dous estudantes que requiren atención individualizada, é a única especialista que atende a alumnado con NEAE (o 80% do total).

Pola súa banda no CEIP de Covas de Viveiro teñen medio docente menos de Audición e Linguaxe e 7 horas menos de PT que o curso pasado mentres que o alumnado escolarizado con NEAE ascende ao 22% do total. Recentemente a ANPA emitiu un comunicado no que lamentaba a falta de resposta da Consellaría de Educación ás súas demandas.

Por último, o IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía que conta con 1113 estudantes de secundaria, bacharelato e Formación Profesional ten só unha persoa no departamento de Orientación, entre outras carencias propias de centros tan masificados como ausencia de desdobres, ratios elevadísimas de máis de 200 estudantes por docente ou falta de persoal e medios para atender a complexidade de trastornos e protocolos relacionados coa conduta e a saúde mental que hai actualmente nestas etapas.

Así pois, os peches reivindicativos teñen como foco chamar a atención da sociedade e dos medios de comunicación sobre as necesidades que hai nas aulas galegas de todos os niveis educativos e que a Consellaría de Educación está desatendendo sen rubor.