Continúan na Coruña as mobilizacións contra a precariedade laboral do persoal de Froiz
Con estas mobilizacións, a Sección Sindical da CIG demanda o cumprimento da lexislación laboral e materia de horarios, descansos, vacacións, calendarios laborais e conciliación, entre outras cuestións. Neste senso, denuncian que a maioría do cadro de persoal de Froiz excede sistematicamente o límite legal de horas de traballo, superando as 40 horas semanais. Unha situación que afecta tamén ao persoal contratado a tempo parcial.
Lucía Freire, delgada da Sección Sindical, explicou que os incumprimentos en materia laboral dificultan gravemente a conciliación da vida familiar e laboral do persoal, maiormente composto por mulleres. Así, sinala que non se respecta o tempo de descanso legal estipulado no sector (día e medio) e os horarios organízanse de semana en semana, “e poden mesmo ser variados no medio da semana”.
Xunto a isto, á maioría das traballadoras e traballadores nin sequera non se lle dá opción a escoller os seus períodos de vacacións, “pois é o encargado ou encargada quen os decide”.
Isto, engade, acaba provocando que as traballadoras soliciten redución de xornada, o que implica redución de salario, perda de dereitos sociais e pensións miserentas no futuro.
Ante a falta de resposta da empresa para corrixir estes incumprimentos, a CIG acordou iniciar esta campaña de mobilizacións para denunciar publicamente a precariedade laboral e os abusos aos que está sometido o persoal.