Continúan en Lugo as protestas contra o peche de oficinas e destrución de emprego no Banco Santander
A CIG continuou este venres o calendario de mobilizacións para rexeitar o modelo de negocio que está a implantar o Banco Santander apoiándose na dixitalización forzosa da clientela e nunha nova tipoloxía de oficinas, que ten como consecuencia o peche de sucursais e a destrución de emprego. Nesta ocasión, a protesta desenvolveuse diante da oficina que a entidade ten na rúa San Marcos e xa está programada unha nova protesta para o día 13, na cidade da Coruña.
Este proceso está a provocar tamén a amortización de empregos, incrementando a carga de traballo do persoal, as dificultades para a conciliación da vida laboral e familiar e o deterioro da atención á clientela. No que vai de ano a entidade xa clausurou 17 oficinas en Galiza e un total de 160 no conxunto do Estado.
O peche de oficinas está a supoñer tamén unha importante redución de persoal na rede, coa consecuencia de que hai menos persoal para atender o mesmo número de clientes. Ademais, a representación da CIG salienta que a clientela segue a demandar atención presencial, “tal e como se pode comprobar cada día nas oficinas”. Quen máis demanda este servizo presencial son persoas maiores, “pero tamén outros colectivos que confían nun modelo ‘omnicanal’ no que a atención presencial sexa fundamental”.
Ante este escenario, a sección sindical da CIG no Banco Santander dirixiuse ao Defensor do Pobo para trasladarlle as “nefastas” consecuencias que para o persoal e a clientela ten a implantación deste modelo de negocio, requirindo a intervención do Ministerio de Economía e do Banco de España “para que obriguen o Santander a cumprir legalidade e os seus compromisos sociais, uns compromisos adquiridos publicamente para evitar a exclusión financeira dos colectivos vulnerábeis”.