Continúan as protestas na empresa Vertifil de Moraña contra os despidos e a sobrecarga de traballo
O persoal da empresa Vertifil Industrial de Moraña desenvolveu hoxe unha nova mobilizacións diante das instalacións da compañía para reclamar a readmisión dos seis compañeiros/as despedidos e denuncian a sobrecarga de traballo que padecen derivada do constante adelgazamento do cadro de persoal.
Segundo explican dende a representación da CIG no comité, nas últimas semanas a dirección de Vertifil modificoulle o posto de traballo e as condicións laborais a varias persoas para cubrir o traballo que desenvolvían os despedidos/as, “pero algúns/as traballadores/as non aceptaron e optaron por abandonar a empresa”. Neste senso, denuncian que o constante adelgazamento do cadro de persoal, con 30 persoas menos en dous anos, está a provocar un incremento da carga de traballo para os empregados/as .
Ao que hai que sumar os incumprimentos por parte da empresa do convenio colectivo, “polo que na xuntanza que tivemos hoxe coa dirección solicitámoslle que aplicase o anexo do convenio que nos corresponde, pero non aceptaron, mais comprometéronse a achegarnos unha proposta que contemple unha suba salarial conforme ao IPC”. O comité de empresa analizará a proposta a vindeira semana e continuará coas mobilizacións.