Continúan as protestas do persoal do Concello de Cariño pola súa dignidade laboral e salarial e a aprobación da RPT
Traballadoras e traballadores do Concello de Cariño realizaron este martes, día 10 de febreiro, outra concentración-cazolada diante da Casa Consistorial en protesta pola falta de negociación e solución aos graves déficits de persoal, ás precarias condición de traballo e “a carecer dun salario digno que retribúa as función e características dos postos que desenvolven”.
Hai que lembrar que a metade do cadro de persoal cobra o salario mínimo interprofesional, malia levar moitos anos traballando para o concello, sendo os colectivos máis precarios tamén os máis feminizados, como o caso do SAF.
Esta mobilización foi a primeira do calendario aprobado na última asemblea do persoal na que se decidiron as medidas a tomar para este mes de febreiro que inclúen manifestacións, peches e dous días de folga cara finais de mes.
Carmem Viso, secretaria comarcal da CIG-Administración, apuntou que no día de onte, a CIG tamén recibiu unha nova notificación da execución de sentenza do xulgado de Ferrol pola que se lle comina, unha vez máis, a alcaldesa a cumprir a sentenza e negociar e establecer un calendario tendente á aprobación da Relación de Postos de Traballo nun prazo de 15 días.
“O persoal seguirá coas súas mobilizacións para conseguir que se aprobe a RPT onde se valoren os seus postos de traballo tanto dende o punto de vista organizativo como salarialmente dunha forma xusta”, aseverou.
Viso cualificou de “escandalosa” a inacción da alcaldesa á hora de afrontar un conflito que leva case dous meses de mobilizacións e critica que a rexedora ignore esta problemática e non busque a forma de solucionar o malestar acumulado do seu persoal, “agochándose en evasivas sobre a falta de orzamentos do Concello (que están prorrogados dende o ano 2020 e non hai intención de aprobar uns novos), ou directamente pechando as portas do concello para non escoitar as súas demandas”.
Neste senso, a responsábel da CIG-Administración de Ferrol destaca o seguimento masivo das mobilizacións por parte do persoal laboral “e así seguirán até que se atendan as súas reclamación”.