Continúan as protestas do persoal de seguridade privada dos hospitais da Coruña contra o acosos laboral de Eulen Seguridade
Desta volta, a proteste desenvolveuse nos arredores do Hospital da Coruña, para demandar a implicación da Xerencia nesta problemática. Con este obxectivo, un grupo de delegados e delegadas da CIG ocuparon simbolicamente o Hospital de Doentes, onde están as oficinas da Xerencia, coreando consignas contra a situación de acoso e persecución que están a padecer os/as traballadores/as de Eulen Seguridade.
No interior do edificio, o responsábel de recursos económicos achegouse a falar coa representación da central sindical na empresa e logo dunha breve conversa quedouse en manter unha xuntanza para abordar a problemática, toda vez que Recursos Económicos da EOXI é o departamento que se encarga da adxudicación dos contratos públicos coas empresas privadas.
Neste senso, Mario Teijo, coordinador de seguridade privada da CIG na Coruña, reiteraba que, dende que Eulen se fixo coa contrata do servizo de vixilancia, comezou unha persecución contra as traballadoras e traballadores, que se concreta “en inspeccións moi periódicas e na imposición de sancións inxustificadas e discutíbeis”.
Este tipo de situacións e o elevado número de sancións e apercibimentos rexistrados nunha antes se dera no servizo, que vén prestando o mesmo persoal que coa anterior empresa e que na maioría dos casos leva máis de dez anos realizando as mesmas tarefas.