Continúan as protestas contra a modificación das condicións laborais que pretende impoñer a nova dirección de Clesa

A empresa vén de rexeitar a petición de varios/as traballadores/as que solicitaban conciliación e redución de xornada por motivos familiares

Caldas de Reis -

O cadro de persoal de Clesa, empresa dedicada á elaboración de produtos lácteos con sede en Caldas de Reis, continuou onte coas protestas para rexeitar a modificación das condicións de traballo que pretende impoñer a nova dirección, tras a adquisición da compañía por parte dun grupo de cooperativas agrogandeiras, sendo CLUN a accionista maioritaria.

Dende o comité (2 delegados/as da CIG, 2 da UGT e 1 de CCOO) denuncian ademais que Clesa quere ampliar a xornada laboral de luns a sábado en quendas rotatorias de mañá, tarde e noite, ao tempo que vén de comunicar por escrito a non concesión da conciliación e da redución de xornada a varios/as traballadores/as que o solicitaran por motivos familiares.

Neste senso, consideran que con esta actitude a dirección demostra que na práctica non ten intención real de negociar “en positivo” medidas que favorezan a conciliación laboral e segue pretendendo impoñer unha ampliación da xornada laboral que fai “saltar polos aires” este dereito e unha paulatina perda de dereitos laborais e salariais.

Diante disto, o cadro de persoal comezou un calendario de mobilizacións que tivo a súa primeira protesta o pasado 2 de maio e que continuou onte cunha nova concentración ás portas da fábrica en Caldas de Reis.

Volver