Continúan as protestas ante a situación de colapso do Servizo de Emprego Público Estatal

A CIG-Administración mobilizouse en Ourense para reclamar máis persoal e a revisión urxente da nova aplicación para tramitar as prestacións
Ourense - 23 Abr 2025

Persoal do Servizo de Emprego Público Estatal (SEPE) continuou hoxe en Ourense coa campaña de mobilizacións convocada pola CIG-Administración para denunciar a situación de colapso na que se atopa o organismo e reclamar máis persoal e a revisión urxente da nova aplicación informática mediante a que se tramitan as prestacións.

A protesta, ao igual que nas anteriores ocasións, desenvolveuse pola mañá ás portas da dirección provincial do organismo público ao berro de “Menos escusas e máis solucións”, “Mellores ferramentas e máis persoal” e “SEPE parado, traballador frustrado”. A próxima concentración terá lugar en Lugo o vindeiro 30 de abril ás 11:30 horas.

Tal e como explican dende a central, en Galiza hai na actualidade 155 postos vacantes, polo que o traballo que tería que desenvolver este persoal é asumido polas 600 persoas traballadoras coas que conta o SEP”. Este déficit impide afrontar o volume de traballo en condicións dignas, obriga as persoas traballadoras a asumir unha carga laboral “extenuante” para cumprir os prazos e impide ofrecer un servizo de calidade á cidadanía.

A isto hai que engadir unha normativa complexa que en lugar de simplificar os trámites dificulta o recoñecemento das prestacións como o desemprego ou o ingreso mínimo vital, “xerando atrasos que se traducen nunha frustración xeneralizada tanto nas persoas usuarias como no persoal encargado da súa aplicación”.

Aplicación informática ineficaz

Estes problemas agraváronse coa posta en marcha o pasado mes de novembro da nova aplicación informática, ALMA, na que xa se levan gastado máis de 8 millóns de euros. “No canto de modernizar e axilizar os procesos presenta multitude de fallos técnicos, erros de funcionamento e unha interface pouco intuitiva que dificulta enormemente o traballo diario. Para ver un expediente tárdase o dobre ou o triplo que coas aplicacións anteriores, o que se traduce en que se poden dar menos citas, a demora para a atención é maior e resólvense menos prestacións ao cabo do día”.

A maiores, rexístranse numerosos fallos de recoñecemento das prestacións pola aplicación “que obrigan ao persoal a revisar novamente a resolución de forma manual para comprobar que está correcta, duplicando tempos; e tamén se dan moitos erros no cobro das prestacións”.

Dimisión do director xeral

A CIG insiste en que esta situación é “insostíbel” e require dunha actuación urxente por parte da Administración, “porque non se pode seguir traballando nestas condicións”. Neste senso, reclama volver ás aplicacións anteriores, que si funcionaban, e un aumento inmediato e significativo do persoal para atender a demanda de maneira adecuada. Así mesmo, que se faga unha revisión e simplificación da normativa para adaptar a lexislación á realidade actual, eliminando a burocracia innecesaria e facilitando o acceso ás prestacións por desemprego.

Por todo isto, e ante a gravidade da situación, a central tamén demanda a dimisión do director xeral do Servizo de Emprego Público Estatal pola súa inacción na busca de solucións.