Continúan as mobilizacións, no oitavo día de folga, no transporte de residuos de SOGAMA
O persoal de Pacholo S.L. concesionaria da UTE que resultou adxudicataria do servizo de transporte de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) de SOGAMA continúa coas mobilizacións contra o acoso laboral e os despedimentos de traballadores por demandar que se respecten os seus dereitos. De feito nos últimos días concentráronse en Ferrol, en Lugo e en Vilalba. A CIG convoca unha manifestación en apoio dos traballadores/as este sábado 27 dende o polígono industrial de Ordes ás 11:00 horas.
Segundo indica o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, tanto a folga como as mobilizacións se manteñen porque, a pesar das xuntanzas que se mantiveron estes días no Consello Galego de Relacións Laborais “non chegamos a ningún acordo porque a empresa pretendía trasladar aos traballadores despedidos a outras empresas da UTE”.
Para Pavón aceptar esta proposta sería “aceptar as represalias como resposta a demandas tan básicas como medidas de seguridade e que se abra a porta a posibles despedimentos doutros traballadores, do mesmo xeito, no futuro”.
Os postos de traballo mantéñense
Ademais, o representante da FGAMT-CIG de Compostela denuncia que eses postos de traballo seguen existindo e que, de feito, están sendo realizados por outros traballadores, polo que “non ten xustificación algunha aceptar que os despracen deste xeito”.
Xunto a isto denuncia que detrás desa proposta o que se agocha é a pretensión de resolver agora o conflito pero abrir a vía para, en diante “ir despedindo a todos os traballadores que están adscritos ao servizo de transporte de residuos, que teñen garantidos os seus dereitos laborais e salariais e recoñecida a subrogación”.
Considera que con iso, tanto a UTE (RENFE, COPASA e LOGIRAIL), como Transportes Pacholo S.L e SOGAMA terían as mans libres para consolidar unhas condicións laborais precarias e abaratar o servizo para obter maiores beneficios reducindo salarios, desregulando a xornada e recortando as condicións de seguridade no traballo.
Por iso exixen a SOGAMA que poña en marcha as accións necesarias para garantir, e obrigar a cumprir a Transportes Pacholo S.L, todas as medidas de seguridade e medio ambientais que a propia SOGAMA establece nas plicas, “en lugar de mirar para outro lado”.