Seguen as mobilizacións na Seguridade Social en demanda do cumprimento do acordo de melloras
As organizacións sindicais CIG, CSIF e CCOO continuarán co calendario rotatorio de mobilizacións no ámbito da Seguridade Social ante o incumprimento reiterado do acordo para a implantación dun plan estratéxico de recursos humanos nesta administración. Este acordo, lembran, foi asinado polo propio secretario de Estado de Seguridade Social e Pensións, Borja Suárez, en maio do ano pasado logo de incumprirse outro acordo previo de 2018.
A representación sindical denuncia as difíciles condicións nas que o persoal da Seguridade Social ten que desenvolver o seu traballo, tanto o laboral como o funcionario, "soportando un incremento permanente das cargas de traballo, as dificultades polas constantes modificacións normativas e novidades na xestión telemática e organizativa". Salientan que o persoal realiza "o mellor servizo público que pode prestar, con responsabilidade, pero sen estar recoñecido". Por iso, de non atendérense as demandas, non se descarta convocar paros parciais e folga nesta administración.
As reivindicacións e exixencias con carácter prioritario para as centrais sindicais son a ordenación de recursos humanos, a revisión do modelo e o reparto da produtividade, a provisión de postos, regulación do traballo a distancia con carácter voluntario, revisión dos complementos e estabilidade no emprego.
Xunto a isto demandan que se cumpra co resto de materias recollidas no acordo tales como a revisión da circular de Acción Social, formación, creación dos comités de seguridade e saúde provinciais, ou plans de igualdade e revisión dos protocolos de actuación.
"CSIF, CCOO e CIG entendemos que o incumprimento do acordo aboca a Seguridade Social a realizar traballo en cantidade, sen os medios e a organización necesarias. Defendemos que a Seguridade Social preste un servizo público eficiente e unha atención á cidadanía de calidade e, por iso, iniciamos estas mobilizacións até que o secretario de Estado cumpra co asinado".