Continúan as mobilizacións do persoal das residencias ante a “nefasta xestión” da Consellaría de Política Social
O persoal dos centros de atención directa dependentes da Consellaría de Política Social desenvolveu hoxe unha nova xornada de mobilizacións, que aproveitou para denunciar o deterioro deste servizo público como consecuencia da nefasta xestión do departamento autonómico.
Trátase da protesta número 23 que convocan as centrais CIG, CCOO, CSIF e UGT para reclamar a recuperación dos dereitos laborais recortados coa escusa da crise xa que, segundo sinalan dende os sindicatos, ao único ao que se dedicou a Xunta do PP dende o ano 2012 a respecto do persoal ao seu servizo foi a “recortar brutalmente” os dereitos recollidos no V Convenio Colectivo Único. Ademais, acusan o Goberno galego de levar a cabo unha constante redución do cadro persoal e dos medios materiais, “situación que se volveu insostíbel coa pandemia da Covid 19”.
Esta política de persoal, que se traduce nunha porcentaxe de interinidade de máis do 50%, está a provocar que os centros se atopen baixo mínimos, que as traballadoras/as padezan sobrecarga de traballo e que os índices de accidentes de traballo e baixas por enfermidade profesional alcancen porcentaxes nunca vistas. “A Consellaría de Política Social é a que máis accidentes de traballo acumula en toda a Xunta”, sosteñen.
Ao mesmo tempo, critican que o departamento autonómico non foi quen sequera de implementar un plan de continxencia nas súas residencias nove meses despois do comezo da pandemia. “A día de hoxe, cando se fala de que a curva comeza a aplanarse, nas residencias seguimos con 30 compañeiras/as contaxiadas/os e sumamos 234 positivos confirmados nesta última onda, só entre o persoal”.
Calendario de asembleas
Ante este "desleixo" a respecto do persoal e do servizo público “estamos a mobilizarnos cada xoves diante dos centros de traballo e diante da Xunta en Santiago, mais a conselleira Fabiola García segue a ignorar a chamada ao diálogo e á negociación que lle facemos dende a representación do persoal, polo que as centrais convocantes acordamos aumentar a presión con máis accións reivindicativas”.
Deste xeito, anuncian que levarán a cabo un calendario de asembleas nos centros de traballo para tratar as demandas específicas do persoal destes centros e decidir as novas accións mobilizadoras e de presión social. “Ante a ineptitude da Xunta non imos quedar paradas/os, como tampouco imos ceder ante o intento de deterioro deste servizo público de atención ás persoas”.