Continúan as mobilizacións do persoal da limpeza do CHUAC en demanda da subrogación dunha compañeira
A traballadora despedida, explican dende a CIG-Servizos, foi trasladada por Valoriza do hospital no que viña prestando servizo dende había tempo a outro centro do CHUAC, do que tamén tiña a contrata da limpeza.
Porén, neste segundo hospital a concesión do servizo foi adxudicada á empresa Samyl, que se negou a subrogar a traballadora (tal e como estabelece o convenio de aplicación), alegando que non levaba o tempo mínimo necesario nese centro de traballo.
Pola súa banda, Valoriza tamén se negou a reincorporala aducindo que xa non tiña a concesión nese hospital. Deste xeito, denuncia a CIG-Servizos, a traballadora queda nun “limbo”, pois ningunha das dúas empresas a incorpora ao seu cadro de persoal, mais tampouco pode acceder ao desemprego porque non está despedida.
A vindeira semana a representación do persoal ten previsto reunirse co Director Xeral de Recursos Económicos da área sanitaria para trasladarlle a problemática laboral e pedir a interveción do Sergas, como titular do contrato, para que se proceda á subrogación inmediata da traballadora.