Continúan as mobilizacións da CIG-Ensino contra os recortes de profesorado previstos pola Xunta
No último día do calendario escolar co presente curso escolar 2020/21 a CIG-Ensino volveu concentrarse ás portas da Consellaría de Educación para demandar o mantemento dos cadros de persoal deste curso escolar, defendendo que se manteñan as ratios actuais e todo os desdobres autorizados.
O sindicato maioritario no ensino público volveu poñer enriba da mesa a súa denuncia dos pasos dados polos responsábeis políticos da Consellaría de proceder a reducir dunha maneira destacada o total de profesorado interino contratado no curso que agora remata e que a propia administración educativa cifra en 1.350 persoas con contrato de interinidade a tempo completo. Esta cifra non garda relación con todas as contratacións “de reforzo” vinculadas con contratos-programa, cofinanciados co Fondo Social Europeo e o Ministerio e cos que a Consellaría pretende confundir á opinión pública.
"Non falamos de parches a media xornada; con independencia desas contratacións, o que a CIG-Ensino exixe é que se doten os centros educativos co mesmo persoal que durante este ano desempeñou un posto de docente a tempo completo en prazas necesarias para o correcto funcionamento dos centros educativos nunha situación que require ratios baixas e suficiente profesorado", subliña o secretario nacional da federación, Suso Bermello.
Da pandemia sanitaria á volta da pandemia dos recortes
A CIG-Ensino alerta da volta á vella normalidade á que nos tiña acostumados a Xunta de Galiza, con redución de profesorado, ratios disparadas e desatención absoluta das necesidades de reforzo e apoio ao alumnado con máis dificultades. O sindicato fixa como prioridades, para un curso 2021/22 que se presenta aínda incerto no sanitario e complicado no educativo, as seguintes:
- Mantemento de todos os desdobres autorizados en Infantil e Primaria, sen que en ningún caso se supere a ratio máxima e compromiso formal da Consellaría para fixar como criterio permanente o respecto total a esas ratios, no camiño da demanda do sindicato de reducir as ratios a 20 alumnos por aula.
- Autorización de todos os desdobres de aulas en ESO, Bacharelato e FP autorizadas neste curso que agora remata.
- Mantemento de todos os postos de traballo creados neste curso escolar para o curso 2021/22 e que a propia Consellaría cifrou en 1350 docentes interinos.
- Ampliación das contratacións vinculadas con contratos-programas a todos os centros, evitando discriminacións actuais e optando por contratos a xornada completa, limitando as contratacións a media xornada a casos totalmente excepcionais e co obxectivo de converter estes contratos en postos fixos dos cadros de persoal
- Plan de reforzo e acompañamento para o alumnado de todas as etapas educativas máis afectado, emocional e academicamente, polos efectos deste curso escolar e o final do anterior.
- Negociación da recuperación do horario lectivo do profesorado anterior aos recortes (18 horas en secundaria e 21 en primaria), reforzando o traballo en equipo e a coordinación pedagóxica do profesorado.
- Dotación de profesorado de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe necesario. O acordo de catálogos, asinado pola CIG-Ensino, só marca mínimos e iso é algo que, curso tras curso, a Consellaría esquece, tanto en centros de primaria como de secundaria. O incremento de prazas destas especialidades para escolarización de alumnado de atención preferente así o demostra.
- Cumprimento dos compromisos da Consellaría en materia de prevención de riscos laborais e sanitarios logo do requirimento da Inspección de Traballo tras a denuncia da CIG-Ensino.
A CIG-Ensino reclama a convocatoria urxente de Mesa Sectorial
Co profesorado, con carácter xeral, fóra dos centros educativos a partir do 1 de xullo, a CIG considera unha falta de respecto que a Consellaría non levase xa á Mesa de Negociación o Protocolo para o curso 2021/22, incumprindo o compromiso de telo feito antes de rematar o período de actividade docente. Desde o sindicato lémbrase a mala praxe de finais do curso pasado e reclámase que a proposta da administración educativa estea enriba da Mesa canto antes.
Menos ratios e máis profesorado, única receita válida
Demandas históricas da CIG-Ensino, como é a redución de ratios como punto fulcral nas condicións para atender mellor a diversidade e podermos contar cun sistema educativo verdadeiramente integrador e equitativo, puideron -malia a todas as adversidades- poñerse a proba no curso escolar marcado pola pandemia.
A CIG-Ensino reta á Consellaría de Educación a que presente un informe pormenorizado sobre resultados académicos, atención á diversidade e incidencias ou expedientes disciplinarios do curso escolar 2020/21. "Se o fai, comprobaremos o que a CIG-Ensino constata na inmensa maioría dos centros e nas respostas que lle traslada o profesorado: foron as ratios reducidas, especialmente na ESO e o Bacharelato, as que permitiron non só dar resposta á incidencia da pandemia desde unha perspectiva sanitaria senón, e sobre todo, desde un punto de vista pedagóxico", salienta Bermello.
Nesta liña, incide en que ás portas dun novo curso incerto "debemos seguir vixilantes coa covid-19 e non baixar a garda, mais non debemos deixar de lado que volver ás andadas nas ratios e os recortes só vai provocar problemas e perda de calidade no ensino público".