Continúa adiante a folga das traballadoras da limpeza por un convenio digno
As traballadoras da limpeza continúan incansábeis coa folga indefinida que comezaron o pasado 16 de outubro, xa que na reunión da mediación celebrada no día de onte, martes, non se lograron avances para un acordo que poña final ao conflito.
O próximo venres está convocada unha asemblea de traballadoras para informar e avaliar as últimas propostas trasladadas pola patronal, sobre todo centradas na materia económica, e o martes 6 de febreiro hai fixada nova reunión da mediación para continuar coas negociacións.
A este respecto, Asunción Castiñeira, representante da CIG, amósase moi crítica polo feito de que tiveran que pasar máis de cen días de folga "para que a patronal tivera a ben pór enriba da mesa unha oferta que permita iniciar as negociacións do convenio, cando nunha negociación normal xa deberían ter presentado estas propostas antes do inicio da folga".
Apunta que malia os pequenos avances, as posturas aínda están distanciadas pola insuficientes ofertas patronais, polo que as traballadoras manterán a folga e as mobilizacións até que haxa un acordo que responda as súas demandas.