Continúa a folga nos autobuses de Ferrol malia os intentos de Alsa de boicotear e deslexitimar a loita do persoal
A folga indefinida no transporte metropolitano de Ferrol segue a rexistrar un seguimento maioritario entre o persoal, malia os intentos do grupo Alsa de boicotear o paro e deslexitimar a nivel social os motivos da convocatoria. Os traballadores e traballadoras de Maitours están firmes na defensa dos seus dereitos e reclámanlle á empresa que abandone a súa postura prepotente de cara a solucionar o conflito.
Ante o comunicado remitido por Maitours, a CIG lembra que esta folga se convocou en resposta á teimosía da empresa a non aplicarlle ao persoal subrogado o convenio colectivo do sector; porque segue aplicándolle o convenio da extinta Tranvías de Ferrol aos traballadores/as de nova incorporación; porque non compensa os festivos traballados; e porque incumpre sistematicamente o acordo de pendentes.
Sobre a primeira cuestión, Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, apunta que a sentenza á que se refire Maitours non cuestiona a legalidade do convenio de Tranvías pero si determina que o convenio de aplicación pase a ser o de tranporte de viaxeiros/as por estrada da Coruña, unha vez sexa publicado no BOP.
"O problema é que o grupo Alsa está manobrando para atrasar a sinatura do convenio e condenar o persoal de Maitours a ter condicións máis precarias que o resto dos compañeiros e compañeiras", denuncia. Como exemplo expón que en Maitours non se cobra nin a antigüidade nin as dietas, porque estes conceptos non aparecían no convenio de Tranvías.
Pastoriza matiza que as táboas salariais do convenio provincial foron publicadas hai meses, polo que "entendemos que dende o momento que aparecen no BOP, Maitours debe efectivar cando menos a parte económica do convenio, en cumprimento do que di a sentenza xudicial".
Contra as ilegalidades da empresa
Pero con esta folga, tamén se dá resposta a outros incumprimentos da empresa. Unha deles é que Maitours continúa aplicándolle o convenio de Tranvías aos traballadores e traballadoras que non viñeron subrogadas da extinta empresa ferrolá. "Isto constitúe unha clarísima ilegalidade", denuncia Pastoriza.
Xunto a isto, cómpre destacar que Maitours tampouco está compensando os festivos traballados nin en cartos nin en tempo de descanso, senón que solapa os días de descansos cos festivos. "Isto significa que os traballadores/as teñen menos días festivos ao cabo do ano dos que lle corresponden legalmente".
A isto súmaselle que a empresa tampouco respecta o acordo dos denominados "pendentes" (é dicir, a organización do traballo para a realización dos servizos imprevistos), dificultando o descanso e a conciliación da vida laboral e familiar.
Ameazas ao persoal eventual
Doutra banda, o representante a CIG advirte que a empresa está coaccionando aos traballadores eventuais para que fagan liñas fóra dos servizos mínimos e dobren quenda, baixo a ameaza de non renovarlles o contrato en caso de negárense. A CIG demanda o cese inmediato destas coaccións e porá en coñecemento das autoridades competentes estas prácticas empresariais.
Nesta liña, Pastoriza critica que dende a convocatoria da fogla a empresa non se puxo en contacto coa representación sindical nin intentou abrir unha vía de negociación. "Nós xa promovemos unha mediación que non deu resultado, agora tócalle a empresa mover ficha", asevera.