Segue a folga no servizo de mantemento do CHUO tras negarse Ferrovial a rematar coa discriminación laboral
A folga indefinida convocada polos traballadores de Ferrovial, concesionaria do servizo de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), vai camiño de cumprir tres meses de paro unha vez que a empresa reiterou hoxe a súa negativa a rematar coas diferenzas laborais entre o persoal dos distintos centros sanitarios da provincia. A representación sindical e a dirección da compañía mantiveron unha xuntanza na Inspección de Traballo que rematou sen un acordo que permita desconvocar o paro iniciado o pasado 26 de febreiro.
Este sábado cumpriranse tres meses de folga indefinida, xa que o inicio da convocatoria tivo lugar o pasado 26 de febreiro. E todo apunta a que o paro continuará máis alá desa data, tendo en conta que o conflito vai camiño de enquistarse pola actitude da empresa, que se nega a rematar coas diferenzas nas condicións laborais entre o persoal dos distintos centros sanitarios da provincia. Así se evidenciou hoxe mesmo na xuntanza mantida coa representación sindical baixo a mediación da Inspección de Traballo.
“Non vemos que haxa sequera a máis mínima posibilidade de solución, xa que Ferrovial segue a negarse a considerar os sábados como días festivos, polo tanto non está disposta a abonalos á marxe do salario, como si fai cos domingos e os festivos”, indican dende a CIG-Industria de Ourense. Aínda que a cantidade que reciben os traballadores por este concepto tamén é insuficiente: nun principio a empresa ofrecía 14 euros a maiores do salario por cada domingo ou festivo, mais na último proposta elevou a cifra até os 28 euros.
Nova xuntanza na Inspección
En canto ao incremento do plus de perigosidade, outra das demandas do persoal para igualalo ao resto de traballadores/as dos servizos de mantemento doutros centros sanitarios da provincia que tamén xestiona Ferrovial, a pretensión é lograr un aumento do 10% para alcanzar o 35% que abonan noutros hospitais. Neste punto, a compañía amósase disposta a aceptar a proposta, pero a cambio queren establecer gardas localizadas a través do teléfono todos os días da semana polas noites e tamén durante a fin de semana. “E isto sen recibir un só pataco a cambio”, denuncian.
En consecuencia, o cadro de persoal continuará coa folga indefinida e coas mobilizacións diarios polos arredores do complexo hospitalario e a semana que vén acudirán a unha nova xuntanza coa empresa na Inspección de Traballo.