Continúa a folga en Bershka na provincia de Pontevedra cun seguimento total e co peche de todas as tendas
A folga convocada en todos os establecementos de Bershka na provincia de Pontevedra chegou hoxe ao seu sexto día cun seguimento total por parte das arredor de 65 traballadoras/es, que volveron concentrase ás portas das tendas aproveitando que unha xornada máis tampouco abriron as súas portas. A representación das traballadoras/es mantivo unha primeira xuntanza en Santiago coa dirección da empresa que rematou sen acordo, polo que o paro indefinido continuará até que remate a discriminación laboral na cadea pertencente ao grupo téxtil Inditex.
Os cinco establecementos de Bershka na provincia de Pontevedra (tres en Vigo, un en Pontevedra e outro en Vilagarcía permaneceron por sexto día consecutivo sen actividade como consecuencia da folga convocada polo comité de empresa (cinco delegadas da CIG) contra a discriminación laboral que padecen as empregadas/os pontevedresas/os con respecto ao persoal doutras provincias.
Ao igual que nas xornadas anteriores, as traballadoras/es concentráronse dende primeira horas ás portas das tendas, onde aproveitaron para repartir folletos informativos e recibiron o apoio da veciñanza. De feito, o conflito laboral está a espertar unha gran vaga de solidariedade non só no país senón tamén no conxunto do Estado a pesar do silenciamento informativo de boa parte dos medios de comunicación.
Posteriormente, a representación do cadro de persoal trasladouse até Santiago para manter unha xuntanza coas responsábeis de recursos humanos da empresa, que accedeu a manter a reunión tras a protesta desenvolvida onte polas traballadoras/es diante das instalacións de Inditex en Arteixo. O encontro prolongouse dende as 13:00 até case as 21:00 horas, e a pesar de que se achegaron posturas con respecto a algunhas das reivindicacións o acordo non foi posíbel pola negativa da empresa a aceptar as reclamacións económicas do cadro de persoal.
Tanto o contido da xuntanza como a continuidade da folga e das mobilizacións serán abordadas na asemblea de traballadoras/es que se celebra este mércores no local da CIG en Vigo a partir das 10:30 horas e na que participarán tamén as empregadas/os de Pontevedra e Vilagarcía.
Exemplo de loita
Entre os apoios chegados dende distintos puntos do Estado salienta o da central sindical vasca LAB, que fixo público un comunicado no que lle traslada o seu apoio e solidariedade ao persoal pontevedrés de Bershka, “xa que nos parece que a forza e a solidariedade entre todas as traballadoras/es de todas as marcas de Inditex en todo o mundo é indispensábel para facerlle fronte a unha multinacional que se aproveita da man de obra precaria de milleiros de traballadoras/es para multiplicar os seus beneficios”.
Neste senso, sosteñen que o exemplo das empregadas/os de Pontevedra amosa, unha vez máis, a importancia da loita colectiva. “Non nos regalan nada, e se nolo poden quitar, fano, sexa mediante reformas ou cambios de lexislación; polo tanto, é imprescindíbel o compromiso de loita de cada unha das traballadoras/es de Inditex en defensa dos dereitos conseguidos até o de agora e por mellorar condicións laborais totalmente asumíbeis por absolutamente todas as marcas do grupo téxtil”.
Lembran que Inditex gañou 3157 millóns de euros en 2016, o que supón un aumento do 10%, e que “aínda que Amancio Ortega intente comprar o silencio das traballadoras/es con pagas de beneficios de dubidoso obxectivo fiscal, as que traballamos día a día para as marcas do grupo sabemos que para esta multinacional as empregadas/os somos un mero instrumento para aumentar os seus beneficios”.
Así, denuncian que a temporalidad, a flexibilidade, a carga de traballo, os baixos salarios, en resumo, a precariedade, “son o pan de cada día nos nosos centros de traballo”. Finalmente, esixen que as empregadas/os do comercio, un sector amplamente feminizado, “deixemos de ser traballadoras/es de segunda e teñamos unhas condicións laborais dignas que nos garantan capacidade adquisitiva, respecten o noso dereito ao descanso e ao ocio, á conciliación da vida laboral e familiar, á saúde laboral, en definitiva, a unha vida digna”.