Continúa a folga do persoal de Indasa que se encarga do mantemento das cabinas de Navantia
Os traballadores que se encargan do mantemento das cabinas de pintado e chorreo de navantia en Ferrol e Fene, servizo que presta a empresa INDASA, continúan adiante coa folga en defensa da continuidade dos seus empregos e para que se respecte o seu dereito á subrogación.
Coincidindo coa entrada da quenda da mañá, o persoal estivo repartindo entre os traballadores e traballadoras que entraban ao estaleiro de Fene, panfletos para informar da súa situación laboral, os motivos polos que están en folga e pedir a solidariedade do resto dos compañeiros e compañeiras tanto da principal como doutras auxiliares.
Cómpre lembrar que estes 10 traballadores corren o risco de quedar na rúa a partir do 1 de decembro, xa que Navantia non prorrogou o contrato do servizo (adxudicado a INDASA) nin licitou a nova concesión, polo que os operarios non terían empresa na que subrogarse. Ademais de quedar sen emprego no curto prazo, o problema está en que se Navantia decide atrasar a licitación máis de seis meses, os traballadores perderán o dereito á subrogación.
Este dereito - que está recollido no convenio colectivo de aplicación, o de siderometal da provincia da Coruña- conseguiuse despois dunha durísima loita e ten como obxectivo dar estabilidade laboral ao persoal das auxiliares. Por iso, a CIG-Industria advirte que non consentirá que se pretenda deixar sen efecto a subrogación e exíxelle a Navantia que, de inmediato, saque as licitacións pendentes.