Continúa a campaña de recollida de apoios á ILP contra a eucaliptización
A Alianza por un Rural Galego Vivo (CIG, FRUGA e ORGACCMM) e Cousa de Raíces continúan adiante coa campaña de difusión e recollida de apoios á ILP "para a protección e mellora dos hábitats de bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”. Ademais, vimos de coñecer que a Mesa do Parlamento Galego acordou ampliar o prazo para a recollida de sinaturas até o 25 de xuño.
Deste xeito, este xoves 1 de marzo, representantes das entidades promotoras mantiveron en Carballo unha xuntanza cos alcaldes da comarca de Bergatiños e posteriormente houbo un encontro cos/as representantes de todos os grupos municipais destes concellos.
O obxecto desta reunión era facerlles entrega da proposta de moción para o seu debate en pleno, na que se solicita o apoio da Corporación Municipal á esta ILP, así como animar á veciñanza a apoiala. Ademais, ás 19:00 horas tivo lugar un acto público de presentación da ILP, no Pazo de Cultura de Carballo e tamén se colocaron mesas de recollida de sinaturas de apoio á iniciativa.
De xeito paralelo, Fins Eirexas, secretario executivo de ADEGA, e Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Montes en Man Común (ORGACCMM) participaron onte pola tarde nun acto público de presentación da ILP na Casa Galega da Cultura de Vigo, que tivo moi boa acollida. A este acto pertencen as imaxes que acompañan esta información.
600.000 hectáreas de eucalipto
Entre as razóns que nos levan a presentar esta Iniciativa Lexislativa Popular encóntranse, entre outras, que as políticas aplicadas desde entrada en vigor do Plano Forestal de Galiza (1992) non conseguiran compatibilizar os aspectos produtivos do monte coa conservación dos hábitats naturais e en particular o bosque autóctono, así como que este Plano Forestal previa no horizonte de 40 anos que a presenza do eucalipto non superara as 245.000 hectáreas e segundo o Inventario Forestal Nacional (IFN) de 2009 o eucalipto ocuparía unha extensión de 433,915 hectáreas, isto é case o duplo do previsto para 2032.
A maiores nos últimos tempos unha nova especie de eucalipto, o Eucalyptus nitens, veuse sumar aos plantíos xa existentes, xunto cos que medran fóra de ordenamento, o que permite que a día de hoxe se poda estar a falar de que o eucalipto estaría a ocupar unha extensión próxima ás 600.000 hectáreas.
Este forte incremento vese favorecido pola aposta por un modelo de explotación do monte intensamente forestalista, que aposta pola plantación de especies de crecemento rápido que non deixan valor acrecentado na nosa terra, xunto coa aplicación dunha Política Agraria Común (PAC) que está contribuíndo a destrución das economías familiares en beneficio das multinacionais mediante a imposición de prezos ridículos o que provoca o abandono do rural e a conseguinte extensión do monocultivo destas especies sobre as terras agrarias abandonadas. Esta ocupación está tamén a atinxir aos espazos protexidos, contravindo a lexislación vixente.
Esta ILP aposta por un modelo produtivo sustentábel, multifuncional e socialmente inclusivo. Propomos o recoñecemento dos montes veciñais en man común como unha titularidade distinta da pública e da privada, así como a prohibición de repoboacións forestais en zonas dedicadas a labradío, cultivo, prados e pastos, con independencia da súa cualificación urbanística.