Consúmase o pacto de Feixóo con Abanca para regalarlle unha universidade privada
O Parlamento galego vén de aprobar a lei que permitirá a creación da primeira universidade privada con sede en Galiza, cos votos en solitario do PP, "convertido máis que nunca en brazo político do poder económico creado ao redor de Escotet e Abanca", denuncia a CIG-Ensino.
Todo foi segundo o guión previsto, agás as artimañas do presidente da cámara galega para darlle tempo a deputados/as do PP a chegar a unha votación que poderían perder de non se presentar á hora xusta. "Fóra disto o plan trazado polo poder político e económico do tándem Feixóo-Escotet vén de consumar a venda por parcelas do sistema universitario galego", critica CIG-Ensino.
Deste xeito, o PP colócase en contra das tres universidades públicas, da oposición no Parlamento, das organizacións sindicais, estudantís e todo tipo de asociacións que conforman a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, mais tamén contra o propio informe do Consello Económico e Social, que dun xeito ben pouco habitual, critica con contundencia o incumprimento da Lei do SUG con esta nova universidade privada ao ofrecer unha oferta reiterativa con respecto á que existe nos campus das tres universidades públicas.
Competencia coa oferta pública
A CIG-Ensino alerta da situación que crea o precedente de permitir que bote a andar unha institución que buscará o lucro e a competencia coa oferta pública, ao facelo contrariando a lei e sen ningún mecanismo de control de cara ao futuro.
A cobiza por aproveitar un novo nicho de mercado, o das titulacións superiores, xa provocou que outros intereses espertaran, como é o caso de CESUGA, empresa que leva anos operando na Coruña da man de franquías de fóra e que busca tamén agora os favores de quen abriu a veda da privatización da universidade no noso país.
Feixóo fixa a limitación de titulacións nos campus públicos do país impedindo, sen ir máis lonxe, que centos de estudantes poidan facer o Mestrado de profesorado no sistema público, malia estarmos nunha época dun importante relevo no persoal docente polas elevadas xubilacións. Así, en vez de poder cursar ese posgrao por uns 600€, hai estudantado que debe recorrer a empresas universitarias, case sempre online, alleas á nosa realidade e en moitos caso de dubidosa calidade, pagando practicamente dez veces máis. Agora, o presidente que debería defender o sistema universitario público permite que Abanca vaia impartir titulacións xa existentes, entrando a competir coa rede pública e non a complementala.
Reforzar a oposición social
A CIG-Ensino reafirma o seu compromiso coa universidade pública galega e anima a reforzar a oposición social ás ansias desmedidas do PP á fronte da Xunta por privatizar os nosos servizos públicos.
Ao tempo, anima ás universidades públicas, desde as reitorías ao conxunto dos diversos sectores profesionais e en formación, a defender a universidade pública, a oferta que debe manter e incrementar, os cadros de persoal docente e investigador e de administración e servizos e a loitar por termos un ensino superior aberto, plural, democrático, galego e equitativo, con prestixio e financiamento suficiente para afrontar os retos que temos por diante.