Constituída a Rede Europea de Solidariedade coa Revolución Bolivariana
O pasado 13 de outubro, logo dunha xornada asemblearia de debate, constituíuse en Bruxelas a Rede Europea de Solidariedade coa Revolución Bolivariana. A xornada desenvolveuse arredor da situación que está a padecer o pobo venezolano, cun bloqueo económico que está a afectar ás condicións da súa poboación, e as ameazas de intervención militar por parte dos EEUU e os gobernos e institucións aliadas da rexión.
Analizouse este proceso no contexto político e económico que está a sufrir América Latina, co seu último exemplo no que está a acontecer no Brasil (golpe parlamentar, encarceramento inxusto de Lula, medre electoral do fascismo a través de Bolsonaro, etc.). Incidiuse no papel que está a xogar a Unión Europea e os seus estados membros, seguidistas das políticas imperialistas e defensoras do grande capital transnacional, a descarada manipulación informativa dos medios máis poderosos, e a inxusta inxerencia e falla de respecto pola soberanía do pobo venezolano, que decidiu libre e democraticamente sobre os seus e súas representantes e o tipo de goberno que desexan.
No acto participaron máis de 36 organizacións e representantes das embaixadas de Venezuela, Bolivia, Nicaragua e Cuba.
Proxectouse tamén un filme sobre "Venezuela en estado de guerra", con posterior debate e redactouse o manifesto que a seguir reproducimos.
COMUNICADO FUNDACIONAL
REDE Europea de Solidariedade coa Revolución Bolivariana
Nós, representantes de máis de 36 organizacións cunha historia de loitas internacionalistas procedentes de 17 países de Europa, constituímos, hoxe día 13 de outubro de 2018, reunidos en Bruxelas (Bélxica), a REDE Europea de Solidariedade coa Revolución Bolivariana.
Venezuela foi vítima da violación sistemática da súa soberanía a través dun bloqueo económico e financeiro imposto por unha orde executiva emitida en 2015 pola Casa Branca e reforzada pola actual administración de Estados Unidos. Como consecuencia, o pobo de Venezuela está sufrindo unha escaseza de medicamentos e alimentos que afecta as conquistas sociais que tiña alcanzando en anos anteriores. Vendo fracasados os intentos de derrotar á Revolución Bolivariana polas vías non convencionais, incrementaron as formas de guerra e intervención até o punto de chegar a un magnicidio en grao de frustración contra o presidente lexítimo, Nicolás Maduro Moros.
Fracasado tamén este plan, Washington e os seus satélites están creando as condicións a nivel internacional para xustificar unha intervención militar. O pobo venezolano, ante esta situación, deu mostra de resistencias inéditas, produto das súas propias reservas morais e éticas, acumuladas desde o triunfo histórico do comandante Hugo Chávez en 1998, que serviu de exemplo para o mundo.
Venezuela polo seu papel xeopolítico e estratéxico resulta un obstáculo para os plans de control da rexión das elites transnacionais que necesitan apropiarse dos seus recursos naturais. En vista da agresión continua e fronte á ameaza real e reiterada de intervención militar contra a República Bolivariana de Venezuela, nós, integrantes da REDE Europea de Solidariedade coa Revolución, comprometémonos na defensa incondicional do pobo venezolano.
A REDE europea proponse desenvolver unha axenda de loita que permita romper o cerco de mentiras e difamacións sobre a realidade venezolana. Así como tamén: esixirlle ás institucións europeas o cese das agresións inxerencistas, políticas de sancións e apoio a sectores con claros propósitos terroristas. Nós, integrantes da REDE Europea de Solidariedade coa Revolución Bolivariana asumímonos como defensoras e defensores da soberanía e a autodeterminación do pobo venezolano e o seu proceso revolucionario.
Listado de organizacións integrantes desta REDE:
Patria Grande- Berlín, Alemaña; JPSUV – Bélxica / Unión Europea; Venesol – Bélxica; Arlac – Bélxica; INTAL – Bélxica; Collectif Venezuela 13A – Bélxica; Coordinadora Latinoamericana – Bélxica; Alianza Sexo Xénero Diversa Revolucionaria – Bélxica; Movimento de Patria Grande en Dinamarca; Partido Comunista de España; Frente Antiimperialista Internacionalista- Estado español; Circulo Bolivariano de París , Francia; Circulo Bolivariano de Marseille-Francia: FREE LULA – París, Francia; Le Collectif entre Amis – París, Francia; France Amérique Latine – Bordeaux, Francia; Solidarité Bolivarienne – Francia; Collectif ALBA TCP- Francia; Frente Democrático Nacional de Filipinas; Confederación Intersindical Galega - Galiza; Greek Committee in Solidarity with Venezuela – Grecia; Venezuela Solidarity Campaign – Gran Bretaña; GPP - Gran Bretaña; Asociación Cultural José Martí - Holanda; P.CARC - Partido dos comités de apoio á Resistencia para o comunismo - Italia; Conaicop - Italia; Alba (CN), Piemonte - Italia; Comitato Italia Venezuela Bolivariana – Italia; Organizzazione giovanile Noi Restiamo – Italia; Laboratorio Europeo per la Critica Sociale – Italia; Radio Citta Aperta – Italia; Rivista Proteo – Italia; Associazone La Villeta per Cuba; Contropiano giornale comunista – Italia; Rte dei Comunisti – Italia; Associazone e rivista Nuestra América - Italia; Capitolo Italiano della Rete di Intellettuali e artista e movimenti social in Difensa dell’umanità-Italia; Cestes centro Studi dell’Unione Sindicale di Base – Italia; Alba Malta North Africa Coordination; Communist Party of Malta; Asociación Paz, Igualdade e Solidariedade Internacional Unadikum - Palestina; Sindicato LAB- Euskadi; SORTU - Euskadi; Joventuts d'Esquerra Republicana; Rede de Intelectuais, Artistas e Movementos Sociais en Defensa da Humanidade, REDH - Suecia; Partido Comunista de Suecia; Kommunistische Jugend Schweiz - Suíza; Consello Pro Bolivia Europa – Suíza; Misión Verdad - Venezuela; TERRA TV - Venezuela; Hands Off Venezuela – Europa; Corriente Revolucionaria Bolívar Zamora – Venezuela; Central Bolivariana Socialista de Trabajadores del Campo y la Pesca - Venezuela.