Constituída a Plataforma Galega contra a OTAN
Na tarde deste mércores constituíuse en Santiago de Compostela a Plataforma Galega contra a OTAN baixo o lema “Contra o imperialismo, pola paz e a soberanía dos pobos”, que é tamén o título do seu manifesto.
A Plataforma está integrada inicialmente polo Bloque Nacionalista Galego, a Confederación Intersindical Galega (CIG), Mar de Lumes, ERGUER-Estudantes da Galiza, Galiza Nova e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), e fai un chamamento a outras organizacións a colaborar no deseño e desenvolvemento dunha axenda galega anti-OTAN coa ollada posta na próxima cimeira da mesma, que terá lugar en Madrid os días 29 e 30 de xuño deste ano.
Entre as accións que impulsará a Plataforma está a celebración dunha contra-cimeira de carácter internacionalista e antiimperialista e na defensa da soberanía dos pobos, así como diversas actividades para difundir o carácter agresivo e expansivo da OTAN e o papel dos países que fan parte dela, entre eles o Estado español, tal como se está a ver na actual crise na Ucraína.
A Plataforma critica que, mentres os gobernos occidentais chaman cinicamente a establecer parcerías e acordos de cooperación, coa outra man empregan a OTAN para impor unhas relacións internacionais asimétricas e baseadas na ameaza da forza militar.
No seu manifesto rexeitan, ademais, o uso de infraestruturas e equipamentos en territorio galego para dar soporte á OTAN e a cesión do porto de Ferrol como base militar para a mesma, e lembran como os aeroportos de Santiago e Vigo xa foron empregados para escala de voos secretos relacionados coas guerras imperialistas en Afganistán e Iraq.
Manifesto Galiza contra a OTAN
A OTAN é unha ferramenta para a agresión e a bandidaxe en escala planetaria. As organizacións galegas asinantes deste manifesto afirmámolo non como unha simple consigna ou como unha palabra de orde para ser repetida en manifestacións e concentracións populares contra o imperialismo, senón como conclusión dun proceso histórico, demorado e serio, de análise das evidencias. Un proceso acumulativo, realizado polo esforzo de moitos pobos - dos que sufriron e continúan a sufrir as súas agresións directas e dos que nos negamos a baixar a cabeza e fechar os ollos á realidade.
Hai 73 anos que a propaganda imperialista trataba de nos convencer de que o obxectivo da nacente OTAN era «defender occidente» da Unión Soviética e do bloque comunista. Porén, os ataques e agresións que se invocaban nunca se produciron. Hoxe, lonxe de se autodisolver, aquela pretendida forza de autodefesa, responsábel por 70% do gasto militar global e cun orzamento de máis de 2% do PIB mundial, continúa a protagonizar unha das maiores xeiras de violencia da historia da humanidade. A súa continuidade pon enriba da mesa os verdadeiros intereses da coalición:
1) a expansión imperialista, que xa non se executa por medio da anexión territorial, senón por medio do control e implantación de gobernos teledirixidos, abertos ao saqueo macizo de recursos e á usurpación de áreas xeoestratéxicas e 2) a consolidación da hexemonía dos Estados Unidos e das potencias imperialistas europeas, singularmente da Inglaterra, da Franza, da Alemaña e do Estado español. Unha hexemonía posta en causa pola emerxencia de novos polos e países capaces de exercer un contrapeso, como a Rusia, a China ou o Irán, e pola digna resisten- cia do pobos como o cubano, o venezolano ou o palestino, entre outros.
Os ataques contra a República Federal da Iugoslavia en 1994, contra Serbia en 1999, contra o Afganistán en 2003, contra o Iraq en 2004, e contra a Libia en 2011 son apenas, até o de agora, as súas operacións oficiais. A elas hai que sumar as paraoficiais e as ocultas, recentemente contra a Siria e contra a Ucraína, así como os famosos voos ilegais, algún dos cales fixo escala no noso país. Non é casual que todas estas agresións se teñan dado na órbita da antiga Unión Soviética e na dos países non aliñados. Mais a sombra deste imperialismo armado é moito máis alargada.
Alárgaa, de feito, a inmensa rede de bases militares por todo o planeta (as públicas e as secretas), que se solapa, ademais, coas bases dos estados membros e dos parceiros, até totalizar un milleiro de instalacións en 63 países, con alcance global. Mais non é só isto. A OTAN ten despregadas tropas en 165 países, a miúdo baixo o paraugas formal das Nacións Unidas, xerando unha confusión que favorece os intereses pouco confesábeis dos seus promotores; e outras veces por medio de acordos que promoven a «otanización» da ASEAN, da Unión Africana, do Xapón ou da India, e novas integracións forzadas que alargan a súa área de control. Como parte deste alargamento, a OTAN protagoniza cada certo tempo exercicios militares en zonas quentes do planeta - do Mediterráneo á Europa oriental ou aos mares asiáticos - que mobilizan milleiros de soldados e son, claramente, unha permanente demostración de forza para continuar coa súa estratexia de ameaza e intimidación.
Na Galiza, a cesión de portos e instalacións aéreas e a posta a disposición do territorio para exercicios militares, adestramentos, escalas ou repostaxes convértenos en cómplices da barbarie imperialista, malia o pobo galego se ter manifestado histórica e repetidamente contra a OTAN e a súa axenda. Esta contradición comproba, máis unha vez, as consecuencias da falta de soberanía nacional e os perigos de que o papel do noso país no mundo sexa decidido e representado polo estado español, cuxas elites adiren plenamente ao proxecto imperialista.
Por todo isto, como Plataforma Galega Contra a OTAN denunciamos: a falacia da «autodefensa» e o rol estritamente imperialista e agresivo da OTAN; o entusiasmo da Unión Europea na sinatura de pactos militares expansionistas; os tratados de libre comercio metidos pola forza entre os acordos militares para beneficio do grande capital transnacional e das elites; o papel subsidiario do Estado español e da Xunta de Galiza e a entrega de equipamentos, instalacións e recursos do noso país para alimentar esta maquinaria bélica. E comprometémonos, polo tanto, a manter unha posición abertamente anti-OTAN pulando pola súa disolución, a exixir a non participación do estado español en calquera plataforma destas características e a espallar, onde tivermos voz, a denuncia do imperialismo e dos seus métodos violentos.