Constatan irregularidades na atención a persoas maiores na residencia Monte Tecla da Guarda

A CIG-Servizos denunciara as deficiencias detectadas no centro diante da Consellaría de Política Social, que está a tramitar un expediente
A Guarda - 02 Abr 2025

O servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia vén de constatar as irregularidades denunciadas pola CIG na residencia da terceira idade Monte Tecla da Guarda e que afectan a atención que se lle presta ás persoas usuarias. O departamento autonómico comunicou a apertura dun expediente polas deficiencias detectadas no centro, mais evitou concretar ás sancións á empresa.

No escrito remitido á Consellaría de Política Social a finais do ano pasado a central sindical denunciaba, entre outras irregularidades, que o persoal da quenda de noite era o encargado da hixiene diaria dalgunhas residentes, polo que estas tarefas se realizan contra ás catro da mañá ou que o centro emprega o espazo de enfermaría como zona de descanso nocturno de persoas usuarias cando acepta prazas de máis, cando fai reformas nos cuartos ou para aloxar a persoas dependentes que carecen de familia. 

O centro emprega o espazo de enfermaría como zona de descanso nocturno de persoas usuarias cando acepta prazas de máis

Outras deficiencias teñen que ver coa falta de mantemento tanto das instalacións como do propio material de traballo, até o punto de que por exemplo os guindastres de apoio para as duchas ou as cadeiras de rodas para o traslado das persoas dependentes non funcionan correctamente.

Labor inspectora

En consecuencia, a CIG-Servizos solicitaba que se investigasen os feitos, se procedese a sancionar á empresa e se levase a cabo un seguimento para evitar este tipo de condutas. Na súa resposta a Inspección de Maiores recoñece a existencia destas irregularidades no funcionamento da residencia e asegura que o persoal inspector requiriu a súa emenda, así como que está a tramitar un expediente, mais sen concretar as sancións á empresa.

En canto ao seguimento solicitado pola central sindical para evitar estas condutas que comprometen a calidade da atención ás persoas maiores, o departamento autonómico limitouse a contestar de xeito xenérico que “por parte deste servizo faise un seguimento continuo ao centros que prestan servizos sociais a través das oportunas inspeccións, ao obxecto de controlar o cumprimento dos requisitos legalmente esixibles e de calidade”. Unha labor inspectora que no caso da residencia Monte Tecla non serviu para detectar as irregularidades postos de manifesto pola representación sindical da CIG.


Usamos cookies para mellorar a túa experiencia de navegación e uso. Consulta a nosa política de cookies e a nosa política de protección de datos.
Preme en aceptar para confirmar que aceptas a información presentada e pechar este cadro.