Constatan actos contra a dignidade das persoas traballadoras no Centro Médico El Carmen de Ourense
A autoridade laboral vén de estender acta de infracción ao Centro Médico El Carmen de Ourense por considerar que a dirección cometeu actos de “hostigamento e acoso” contrarios á dignidade das persoas traballadoras, falta que se tipifica como moi grave na Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS).
Así llo comunicou a Inspección de Traballo a cinco empregadas que presentaron denuncias contra a actual dirección do hospital privado ourensán, “o que representa un feito único, sen precedentes coñecidos no ámbito laboral da nosa provincia”, segundo sinala o secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo.
Non é habitual que a autoridade laboral constate de maneira tan clara e precisa un comportamento de hostigamento e acoso por parte dunha empresa
O responsábel sindical lembra que “non é para nada habitual” que a autoridade laboral constate “de maneira tan clara e precisa” un comportamento de “hostigamento e acoso” por parte da empresa, “até en cinco casos de persoas que presentaron denuncia por separado”.
Tal e como detalla, esta conduta está tipificada no artigo 8.11 da LISOS como como falta moi grave, e a sanción correspondente, prevista no artigo 40 c) desta norma legal, é de 7501 a 30.000 euros no seu grao mínimo; de 30.000 a 120.005 euros no medio; e de 120.006 a 225.018 euros no grao máximo. “En calquera caso, a graduación da sanción depende de diversos factores, entre os que están o de reincidencia, e non hai que esquecer que neste caso son nada menos que cinco as actas de infracción”.
Po riso dende a CIG-Ourense valoran moi positivamente a actuación da Inspección e celebran que “se faga xustiza con traballadoras que durante meses e meses tiveron que soportar o trato denigrante da dirección de El Carmen, que ademais dedicouse neste tempo a facer escarnio público destas compañeiras entre o resto do persoal”.
Responsabilidades penais
Ao mesmo tempo, animan a outras persoas que padezan esta situación e que non tiveran denunciado os feitos por medo a represalias “que dean o paso adiante que no seu momento deron estas traballadoras”.
Con todo, dende a central sindical inciden en que “o camiño non está totalmente percorrido”, xa que a actuación inspectora, “por contundente que sexa”, ten que continuar o seu trámite administrativo e, no seu caso, xudicial. “E unha vez confirmada a firmeza da mesma mesmo puidera abrirse outra vía no ámbito penal contra as persoas responsábeis desta actuación empresarial absolutamente impropia”.