Consorcio, Xunta e INSS discriminan as mulleres en suspensión por maternidade durante o ano 2017
A CIG-Administración Autonómica denuncia que o Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, a Xunta de Galiza e o INSS discriminan as mulleres que estiveron en suspensión por maternidade no ano 2017. Asegura que, a data de hoxe, as traballadoras do Consorcio que tiveron unha crianza nese ano non se beneficiaron do incremento da base de cotización como consecuencia do Acordo asinado entre Xunta e sindicatos para a Integración, no que se lles recoñecía, por fin, o pago de trienios con efectos económicos desde xaneiro de 2017.
A CIG-Administración Autonómica sinala que malia ter avisado en diversas ocasións de que había que ter en conta a situación do persoal en suspensión por risco durante o embarazo e por maternidade, “sempre se nos manifestaba que era unha cuestión que tiña que resolver a Seguridade Social”.
Lembra que pediu que comunicaran de oficio a modificación das bases de cotización ao INSS destas máis de 50 mulleres pero non se fixo, polo que tiveron que solicitar, de forma individual, as súas bases de cotización e reclamarlle a Seguridade Social. “As primeiras respostas chegaron estes días no sentido de non estimar a súa petición porque a retroactividade non pode exceder de 3 meses”.
Diante desta situación que a CIG-Administración Autonómica cualifica de “pase de pelota entre distintas administracións” solicitoulle ao Xerente unha reunión con el e con Función Pública para rematar con esta “grave discriminación” polo feito de estar parindo e coidando aos seus fillos/as.
Partida económica especial
Por iso solicita de Función Pública e do Consorcio que se habilite unha partida económica especial que cubra o incremento salarial que tiveron as bases de cotización desde xaneiro de 2017 as mulleres que estiveron en situación de maternidade durante ese período, como pago extraordinario de atrasos e solucionar entre administracións a diferenza de criterios que puideran existir.
O Consorcio de Servizos de Igualdade e Benestar, cun cadro de persoal maioritariamente feminino, “non pode manter máis tempo este problema e que desde a CIG denunciamos como discriminación por razón de xénero”, afirma.