A Consellaría deixa sen cubrir substitucións de 15 días ou superiores alegando que non consegue persoal

CIG-Ensino advirte que a estas ausencias súmanse as prazas que continúan sen cobertura desde agosto e setembro
Nacional - 22 Out 2026

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación non está cubrindo substitucións de 15 días ou superiores, alegando que non consegue persoal. A esta circunstancia súmanse as prazas que continúan sen cubrir desde agosto e setembro, como xa advertiu o sindicato na última Mesa Sectorial, e que afectan especialmente ao alumnado de FP e de conservatorios que, nalgúns casos, leva sen docente desde comezos de curso e, noutros moitos, máis de un mes, sen que a curto prazo pareza que se vaia solucionar esta situación.

“Este desleixo por parte da administración demostra o pouco que lle importa a calidade formativa que reciba o alumnado destas ensinanzas. Na maior parte dos casos hai xente dispoñíbel para traballar nas listaxes, noutros casos vén de abrir novas listaxes e nos do corpo de cátedras de conservatorios aínda non o fixo malia que a CIG-Ensino leva un mes advertindo de que era necesario”, explica o sindicato.

Prácticas inadmisíbeis

Un dos últimos casos que lle chegaron ao sindicato son o do IES Afonso X de Cambre, onde, segundo a información trasladada polo centro, a Consellaría comunicou que non se ía cubrir unha ausencia de quince días por permiso de casamento “porque non conseguía persoal”. Idéntica resposta recibiron outros centros cando se dirixen por escrito semana tras semana á inspección e á Subdirección Xeral de RH esixindo que se cubran as vacantes. Algunha delas, como unha baixa no CIFP Politécnico de Santiago desde o 20 de agosto que se prevé de longa duración, foi distribuído o seu horario entre varios docentes.

Para a CIG-Ensino, estas prácticas son inadmisíbeis. No caso dos permisos coñécense con antelación, polo que a administración dispón de tempo para organizar a substitución. No segundo caso, e despois de que o alumnado leve sen docente todo o curso, a solución non pode ser un “parche” provisional que non resolve nada.

Así mesmo, o persoal docente que exerce os seus dereitos lexítimos de permisos e licenzas ve como as súas ausencias están a supoñer maior carga de traballo para compañeiros e compañeiras polos recortes de persoal da Consellaría. O sindicato insiste, despois de telo solicitado na última Mesa Sectorial, na necesidade de revisar a situación de todas as listas e de abrir con antelación as especialidades nas que se precisa persoal.

Medran as medias xornadas e a precariedade nas susbtitucións

Con todo, hai unha tendencia cada vez maior ás medias xornadas e á precariedade nas substitucións que fai que moitas persoas non decidan aceptar este traballo e que mesmo renuncien unha vez comezado, como é o caso dalgunha das vacantes existentes nestes momentos. Isto responde, segundo a CIG-Ensino, á constante desvalorización e burocratización da profesión docente que a fai moi pouco atractiva e competitiva a nivel salarial e de dereitos laborais a respecto doutras no sector privado.   

Filtros opacos

Tamén seguen chegando queixas sobre substitucións que non se publican, que aparecen con atraso ou que se borran da aplicación, mesmo cando a duración prevista supera os quince días. Boa parte destes problemas derivan do filtro previsto para a nova aplicación de chamamentos: a ferramenta aínda non está en funcionamento, pero o filtro que limita a publicación das prazas xa se está a aplicar. A CIG-Ensino exixe que a Consellaría explique os criterios que emprega e que publique e cubra todas as necesidades comunicadas polos centros, sen excluír substitucións pola súa duración.

A Consellaría desatende as demandas do persoal substituto 

A falta de cobertura das prazas vai acompañada dunha precariedade que a Consellaría segue sen resolver. Na última Mesa Sectorial, o sindicato maioritario denunciou que o profesorado incorporado nos primeiros días de curso non cobrou en setembro e terá que agardar até finais deste mes para facelo. Os prazos de tramitación das nóminas nos que se escusa a Consellaría non xustifican que este persoal teña que adiantar do seu peto os cartos para traballar, despois dun verán sen ingresos e co encarecemento do combustíbel e da vivenda.

A CIG-Ensino demandou tamén na Mesa a implantación da restrición por área xeográfica de forma inmediata, sen necesidade de achegar xustificación, para facilitar a conciliación e axilizar a cobertura das substitucións.