O Congreso aproba proposta da CIG sobre idade de xubilación dos traballadores do granito e da lousa e prevención da silicose
A Comisión de Emprego e Seguridade Social do Congreso dos Deputados/as aprobou na sesión celebrada este martes unha proposición presentada pola federación da Construción e Madeira (FCM) da CIG na que se solicitaba do Goberno central medidas para preservar a saúde dos traballadores/as dos sectores do granito e da lousa e rebaixar a súa idade de xubilación dados os riscos de contraer silicose que sofren pola exposición a po de sílice.
Tamén se acordou solicitar unha mellor atención unha vez abandonado o posto de traballo para quen xa padece a enfermidade. Pídese ademais que esta redución da idade de xubilación se aplique por igual a canteiras, fábricas e marmorerías.
A proposta da CIG foi defendida polo grupo de En Marea e tamén se sumou o PSOE, que presentou un texto que viña a incidir nas mesmas reivindicacións da central nacionalista.
O escrito resultante da transacción de ambas propostas foi aprobada por 22 votos a favor e 14 en contra, estes últimos do Partido Popular que, unha vez máis, queda en minoría opóndose en solitario ao resto dos grupos do Congreso.
Dende a FCM lembran que o partido do Goberno votou a favor desta mesma proposta cando estaba na oposición, “esquecéndoa en todos os anos que leva gobernando”. Diante disto, a federación impulsará unha campaña unitaria de actuacións e mobilizacións para esixir que se cumpra este acordo ante o posíbel intento de boicot por parte do Goberno de Rajoy.