O conflito no Grupo Deus, exemplo da perversidade da reforma laboral
Delegados e delegadas da Unión Comarcal da CIG da Coruña realizaron unha concentración este mediodía na Alameda de Ordes en apoio á loita das traballadoras do Grupo Deus, para esixir a derrogación inmediata das contrarreformas laborais, e demandar un plan de medidas concretas de actuación para o sector téxtil a creación de emprego na comarca.
Previamente á concentración, celebrouse unha asemblea de delegados e delegadas no salón de actos da Casa da Cultura de Ordes para debater e achegar propostas que permitan dar continuidade á campaña que a CIG está a desenvolver a prol da recuperación dos dereitos roubados e en demanda da inmediata derrogación das contrarreformas laborais.
O Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, denunciou o empeoramento das condicións laborais e de vida da clase traballadora que están a provocar todas as medidas aprobadas, primeiro polo goberno do PSOE, e máis profundamente polo goberno do PP. Uns recortes que afectan mesmo ás liberdades civís. Neste senso, fixo un repaso polas diversas mobilizacións realizadas polo sindicato no marco desta campaña e animou a intensificar a contestación social na rúa.
Especialmente, engadiu, atendendo ao actual contexto político, no que o PP perdeu a maioría absoluta no parlamento español. "Temos que aproveitar esta circunstancia para lograr que se derroguen dunha vez todas estas leis antiobreiras. Temos que ter a determinación suficiente para mobilizarnos neste camiño", aseverou.
O exemplo do Grupo Deus
A recente loita das traballadoras do Grupo Deus contra a execución de 103 despedimentos é un claro exemplo da aplicación implacábel da reforma laboral. O Grupo formulou tres EREs de extinción para tres das súas sociedades que puido aplicar como un pisón grazas ás facilidades introducidas pola reforma laboral do PP.
E iso, explicou durante a asemblea Dores Martínez, Secretaria Nacional da FGAMT-CIG, a pesares das manifestas irregularidades na tramitación do ERE, dos requirimentos da Consellaría de Traballo para que corrixise as deficiencias na documentación, da falta de causas obxectivas ou da falta de garantías de pago das indemnizacións e da débeda salarial contraída coas traballadoras.
"Pero isto non pasa por casualidade. Isto pasa porque, entre outras cuestións, a reforma laboral levou por diante as competencias que tiña a Consellaría para atallar os despedimentos colectivos", aseverou. "Sempre haberá empresas voitre esperando estes cambios legais para aproveitarse deles, pero hai que ter en conta que as leis non nacen porque si, nacen como froito de decisións políticas que repercuten en todas e todos nós".
A Secretaria Nacional da FGAMT-CIG incidiu nas consecuencias directas que sobre o emprego ten a reforma laboral, lembrando que tan só un mes despois da aprobación desta regresiva medida, Téxtil Mendo, unha das grandes empresas do sector na comarca de Ordes, presentou un ERE. A esa desfeita laboral seguiulle o conflito en Viriato e agora os 103 despedimentos en Grupo Deus. A isto hai que engadir o peche de ducias de pequenos talleres que dependen da actividade das empresas principais. En total, dende o ano 2012 neste comarca perdéronse máis de 500 empregos ligados ao téxtil.
Programa con medidas concretas para a comarca
A este respecto, Xabier Filgueira alertou da situación crítica que vive a comarca de Ordes, que ao longo destes últimos anos asistiu ao peche de empresas de referencia no sector téxtil e veu como ían esmorecendo sectores económicos de vital importancia para o conxunto da bisbarra. Por iso, adiantou que a CIG iniciará unha rolda de contactos cos grupos políticos e as entidades sociais para trasladar o programa de medidas concretas de actuación para reverter esta situación e promover a creación de emprego na comarca.
Algunhas destas medidas pasarían por crear unha liña de axudas ás empresas do téxtil que manteñan ou xeren novos postos de traballo, así como un programa para a recolocación do persoal especializado que nos últimos quedou sen emprego.
As axudas á internacionalización só serven para que as empresas leve a súa produción fóra do país"
fóra de Galiza "
Nesta liña, Martínez Castelo acusou á Xunta de lamentar a perda de postos de traballo, mais sen promover actuacións para evitar a súa destrución. "Hai que frear o fenómeno da deslocalización, e para iso hai que suprimir as axudas ao que chaman internacionalización ou externalización, que só serven para que as empresas leven fóra a produción e destrúan emprego no noso país con cargo aos cartos públicos. E todo para incrementar a marxe de beneficios, aínda que iso sexa a costa de explotar crianzas no chamado terceiro mundo", denunciou.
Finalmente, Filgueira destacou a coraxe e a dignidade das traballadoras do Grupo Deus, reafirmando o compromiso da central sindical na defensa a un posto de traballo e a unhas condicións dignas para todas as traballadoras e traballadores. "Sairemos á rúa todas as veces que sexa necesario".