Confírmase que a operación de venda de Ferrotlántica é unha fraude
Esta mañá tivo lugar en Cee reunión entre o comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, a dirección da empresa e unha representación de Ithaka para abordar as condicións da venda do complexo industrial e enerxético da Costa a Morte. Nesa xuntanza, solicitada polo comité, confirmouse todo o que a CIG vén denunciando: que estamos ante unha operación fraudulenta a través da que o Grupo Villar Mir pretende levar adiante unha segregación encuberta das centrais coa que esquivar as cláusulas concesionais, e facer caixa cos nosos recursos naturais.
Malia o cambio de propiedade, Ferroatlántica seguiría levando a xestión das fábricas de Cee e Dumbría, sendo o seu provedor exclusivo e o comprador único de toda a produción. Deste xeito, as plantas funcionarán como unha especie de subcontratas de FerroGlobe, dependentes das súas decisións empresariais, mais fóra do grupo. Fica claro que ao fondo TPG e á sociedade Ithaka só lle interesa o negocio da produción eléctrica e os substanciosos beneficios que reporta, comprometendo así seriamente a viabilidade das fábricas e o emprego.
De feito, o comprador confirmou que manterá os recursos legais presentados contra a resolución de Augas de Galiza denegando a autorización para a segregación das centrais e que tampouco vai retirar o ERTE formulado para as fábricas de Cee e Dumbría.
Ferroatlántica xa solicitou a amortización do arrendamento
No marco desa xuntanza transcendeu que Ferroatlántica presentou o pasado 1 de xullo na Xunta de Galiza a documentación para solicitar a amortización anticipada do arrendamento financeiro das centrais, nun intento de legalizar esta operación fraudulenta. A CIG considera especialmente grave que, diante deste feito, a Consellaría de Industria non teña trasladado ningunha comunicación ao respecto ao comité de empresa.
Por iso mesmo, a sección sindical da CIG propuxo ao comité pedir unha reunión urxente coa Xunta para coñecer os termos exactos da solicitude de Ferroatlántica e saber cales son as pretensións do Goberno galego. Neste senso, a CIG estudará xuridicamente as medidas a adoptar ante a documentación presentada pola empresa.
A central sindical reitera que esta operación é semellante á formulada en 2017 e por iso esixe da Administración galega unha actuación contundente e que faga valer as cláusulas concesionais para evitar que se efectivice este ilegalidade.