Conferencia da Rede Sindical Europea “Xustiza para Palestina” no Parlamento Europeo

Debateuse arredor da complicidade europea coa ocupación de Israel
Internacional - 23 Dec 2019

O pasado día 11 de decembro celebrábase na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas unha Conferencia organizada pola Rede Sindical Europea “Xustiza para Palestina”, de cuxo Comité Directivo forma parte a CIG. A palestra, realizada en colaboración con algúns grupos e deputados/as da Cámara, tivo como eixo central a presentación do documento elaborado dentro do marco da Rede sobre “A Complicidade Europea coa Ocupación de Israel: Socavando os dereitos da Poboación Palestina para un Traballo Decente”.

O documento retrata con múltiples datos a inxusta situación que está a padecer a poboación palestina en xeral e, nomeadamente, as traballadoras e traballadores, baixo a ocupación ilegal, a explotación, a discriminación e o apartheid, por parte de Israel. Xunto a isto aborda a complicidade da Unión Europea, que mantén os acordos comerciais con Israel, a pesar de incumprir o propio articulado dos mesmos, que fan referencia ao respecto polos dereitos humanos, así como a pasividade diante da explotación dos recursos da Palestina e a colaboración a nivel militar e policial.

A Conferencia, na que houbo 76 inscricións e máis de 60 asistentes, contou coas intervencións da Deputada Marie Arena, do Grupo Parlamentar Europeo S & D,  Koen Vanbrabandt e Dennis, pola Rede Sindical, Riya Al Sanah, como autora do documento, Tom Moerenhout, profesor da Universidade de Columbia e Pablo Sánchez Centellas, da Federación Sindical Europea de Servizos Públicos (EPSU). Entre os/as asistentes, había outros parlamentarios e parlamentarias, como a Deputada galega do BNG Ana Miranda, así como representantes sindicais e doutras organización de Solidariedade co pobo palestino.

Na segunda xornada celebrouse outra xuntanza do Comité Directivo da Rede Sindical, para avaliar o resultado da Conferencia e planificar a difusión do documento que, de momento, só se pode consultar en inglés no seguinte enlace http://www.etun-palestine.org/site/ Ademais planificouse o traballo do vindeiro ano e comezouse coa preparación da vindeira Conferencia, que terá lugar no mes de xuño en Oslo.