Condutores da liña Santiago aeroporto reclaman do concello unha solución inmediata
Condutores da liña Santiago aeroporto concentráronse esta mañá diante do concello de Santiago, na praza do Obradoiro, para reclamar do goberno municipal, e nomeadamente do seu alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, unha solución inmediata á súa situación. Denunciaron ademais que malia o compromiso adquirido por unanimidade no pleno municipal nada saben das xestións que Bugallo se comprometeu a facer e acusárono de actuar ao ditado de Monbus.
Así o explicou o representante da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, quen asegurou que “os condutores seguirán mobilizándose mentres non recuperen os seus postos de traballo”.
Pavón denunciou que están sendo ignorados polo concello. “Cónstanos que houbo unha reunión con Raúl López e que en vez de dar explicacións leulles a cartilla aos representantes municipais pero a nós, logo ninguén desde o goberno nos explicou nada. Nin se puxeron en contacto con nós, nin contestaron ás nosas chamadas, nin sequera á solicitude formal de reunión que se pediu co alcalde”.
Para Pavón hai unha completa submisión aos intereses empresariais de Monbus e Raul López até o punto de que se lle permite empregar terreos e servizos municipais para contratas alleas ao transporte urbano así como un evidente trato de favor na nova intermodal.
Deficiencias no servizo
O representante da CIG lembrou que antes de que o concello asumira a responsabilidade da xestión desta liña, o 22 de decembro de 2020, que foi a que provocou que estes condutores perderan ao día seguinte o seu posto de traballo, o servizo funcionaba perfectamente. Porén asegurou que a partir dese momento houbo moitos problemas. “Nós xa advertimos de que no caso de que o aeroporto volvera funcionar minimamente ao recuperarse o turismo, iso ía provocar o caos porque non habería sitio para as veciñas e veciños”, sinalou. E iso é xusto o que está pasando, “xente que ten que ir a traballar e queda na parada porque o bus, directamente, xa non lle para”.
Fronte a isto, Pavón considerou que o concello o que tiña que facer era exixirlle a Monbus que os servizos se presten en condicións, tanto para o aeroporto como para as veciñas e veciños e, xunto a isto, que os traballadores que estaban prestando ese servizo sen problema sigan traballando “como din as sentenzas que tiñan que estar e non se abonen unhas indemnizacións que o concello sabe perfectamente que llas vai repercutir finalmente o grupo Monbus como fan todos os anos con todos os sobre custos que teñen”.
O representante da CIG concluíu asegurando que “non entendemos nada, parécenos unha falta de respecto cara os traballadores, que nada fixeron para atoparse nesta situación por un apaño que fixeron entre Monbus e o concello. Atópanse na rúa sen perspectivas de nada porque nada se lles informa”.