Condutores da liña do aeroporto de Santiago saen de novo a rúa ante o silencio do concello e Monbus
Os condutores da liña do aeroporto saíron hoxe novamente á rúa ante a falta de resposta por parte tanto de Monbus como do concello de Santiago, que se tiña comprometido en acordo plenario a mediar e buscar unha saída que garantira o mantemento dos postos de traballo e a súa inmediata readmisión.
Denuncian que, tras intentalo en reiteradas ocasións, nin son atendidos nin se lles dan explicacións, o que consideran unha nova falta de respecto por un problema que causou o propio concello “pola súa neglixencia á hora de asumir esta liña dentro do transporte urbano”.
“Unha e outra vez escapan da súa responsabilidade demostrando unha completa submisión aos intereses empresariais de Monbus e Raul López”, afirma o representante da FGAMT-CIG de Compostela Nacho Pávon que lembra que “é un despropósito de tal calibre o que se fixo nese momento que agora, que o aeroporto comezou a recuperar a súa actividade, os veciños e veciñas están quedando nas paradas sen recoller, o que está xerando múltiples queixas. Polo tanto asumiron un servizo para empeoralo deixando aos 9 condutores na rúa”, conclúe.
Os traballadores exixen que se concrete en que consisten as solucións que ofrece Monbus logo de que as sentenzas, unha tras outra, lle dean a razón. Sentenzas que indican con rotundidade que a decisión de non subrogalos non tiña xustificación xurídica algunha. “Van xa seis meses de desprezo e maltrato sistemático e só é responsabilidade de Xosé Sánchez Bugallo e Raúl López”, afirma Pavón.
A CIG lembra que o trato de favor a esta empresa por parte do concello é escandaloso tanto do punto de vista económico como de permitirlle empregar terreos e servizos municipais para contratas alleas ao transporte urbano así como un evidente trato de favor na nova intermodal.