Condenan o Concello de Verín por pagar produtividades sen obxectividade e sen negociar cos sindicatos
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de condenar unha vez máis ao grupo de Goberno do Concello de Verín a negociar coas centrais sindicais uns criterios obxectivos para o pagamento dos complementos de produtividade e especial dedicación ao persoal público, ao entender que o alcalde, o tenente de alcalde e a concelleira de Persoal os atribuíron directamente, sen criterios obxectivos e sen negociación, ás persoas que consideraron.
A CIG de Verín-A Limia interpuxera recurso contencioso administrativo contra este xeito de proceder do Goberno local, que dende o ano 2016 vén outorgando mediante Decreto os complementos de produtividade e especial dedicación a determinados/as traballadores/as.
O recurso foi atendido polo xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense, que en 2021 anulou a actuación do Concello por ser constitutiva de vía de feito contraria ao ordenamento xurídico e condenando o ente local a elaborar, negociar e aprobar uns criterios obxectivos para o reparto dos complementos de produtividade e especial dedicación. Ao mesmo tempo, ordenaba o cese desta actuación por parte do alcalde, do tenente de alcalde e da concelleira de persoal.
Mais o Concello de Verín optou por presentar un recurso de apelación perante o TSXG, que foi rexeitado, confirmando a sentenza do Contencioso Administrativo. Durante o tempo que mediou entre a publicación da sentenza do Xulgado de Ourense e a do TSXG, o Goberno local continuou a incumprir a súa obriga de elaborar uns criterios obxectivos para o reparto da produtividade e a pagar arbitrariamente estas retribucións, sen atender as obrigas que xa lle impuxera o xulgado.
Agora na CIG-Verín A Limia agardan o cumprimento voluntario da sentenza por parte do Concello (dispón de dous meses para facelo). “No caso de que neste prazo non se dea cumprimento satisfactorio á sentenza e se persista en distribuír o diñeiro público á carta e a dedo, adoptaremos novas medidas, sen descartar a denuncia no ámbito da xurisdición penal”.